Sony podería ofrecer xogos de balde para compensar dunha caída de preto de 3 días da PlayStation Network

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Durante o día de Nadal as redes de xogo en liña de Microsoft e Sony padeceron ataques de DDoS, facendo que nunha data tan sinalada non fose posible acceder a estes servizos na Rede durante horas, impedindo que os usuarios puidesen gozar plenamente da xornada de lecer botando unhas partidas cos amigos, incidente ao que Microsoft soubo reaccionar con bastante axilidade, mentres que Sony, unha vez máis, volveu demostrar a súa incapacidade neste ámbito, facendo que a incidencia que debería terse limitado a unhas poucas horas durase finalmente preto de 3 días.
Rematados os ataques de DDoS, dende Sony non foron capaces de manter a PlayStation Network en funcionamento, tendo que facer unha parada técnica de mantemento, e atopando numerosos problemas nas seguintes horas, que fixo que até onte a rede de PlayStation non recuperase a normalidade, o que molestou especialmente aos usuarios, xa que estamos ante unhas datas nas que é moi habitual ter tempo para xogar, e ao non contar con conectividade erradícase a posibilidade de gozar de moitos xogos e de poder competir cos amigos.
Podemos dicir así que Sony non soubo felicitar o Nadal axeitadamente aos seus usuarios, e agora coméntase que incluso están a preparar unha compensación para desculparse, que podería consistir nun par de xogos de balde, unha ampliación de balde dun mes do servizo PlayStation Plus e un mes de balde de Music Unlimited. Ao parecer, aínda non se anunciou esta desculpa de Sony porque están a negociar con editores externos os xogos que poderían incluír dentro desta compensación.

PUBLICIDADE