Un ataque de DDoS deixa fóra de servizo as plataformas de xogo de PlayStation e Xbox

venres, 26 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Kim Dotcom intercedeu polo xogadores para evitar os ataques a PSN e Xbox LIVE

A poucas horas dunha importante caída nos servizos de hospedaxe de páxinas web de Dinahosting, os ataques de denegación de servizo distribuídos continúan a demostrar que son un problema difícil de solucionar, e conseguiron estragar o Nadal a millóns de xogadores de todo o mundo, xa que un ataque artellado por grupo Lizard Squad conseguiu colapsar tanto a Xbox LIVE como a PlayStation Network, situación que levou ao polémico Kim Dotcom a intervir, ofrecendo un suborno (con forma de cupóns para o servizo MEGA) para que os integrantes de Lizard Squad cesasen os seus ataques.
Aínda que aparentemente o grupo atacante cesou as hostilidades, un grupo rival, Finest Squad, podería estar detrás da interrupción das súas actividades, xa que decidiron enfrontarse a eles creando unha páxina web na que publicaron información persoal que podería axudar a esclarecer as súas identidades e levalos así ante a Xustiza.
Queda por ver se esta denuncia pública consegue frear a actividade de Finest Squad ou provoca unha reacción máis violenta, pero polo momento os grandes prexudicados seguen a ser os usuarios, que tiveron que pasar a xornada de Nadal sen poder xogar en liña coas súas consolas de videoxogos e incluso agora teñen problemas para acceder ás plataformas de xogo de Sony e Microsoft.

Unha páxina web recolle supostamente o nome, enderezo físico, enderezo IP e outros datos persoais dos integrantes do Lizard Squad

PUBLICIDADE