Skype permitirá chamadas en grupo para até 50 participantes

venres, 15 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A aplicación de Skype está a experimentar importantes novidades nos últimos meses, e tras a posibilidade de aplicar o desenfoque de fondo nas imaxes captadas polas cámaras web dos nosos equipos informáticos, temos agora que na súa versión en probas están a ampliar a capacidade das súas conversas en grupo, que pasarán a aceptar até 50 integrantes, aínda que para este tipo de comunicacións entenden que non é axeitado que os usuarios reciban un ton de chamada, e limitarán a invitación a participar na comunicación a unha notificación.
De feito, agora permitirán que o ton de chamada sexa totalmente opcional para as chamadas en grupo, ou sexa, que para pequenos grupos de usuarios tamén será posible iniciar conversas nas que os integrantes simplemente reciban unha notificación para que o aviso non sexa demasiado intrusivo, e non interrompa o traballo do xeito que o faría unha chamada normal.

Co envío de notificacións Skype busca que as chamadas en grupo sexan menos intrusivas

PUBLICIDADE