Redondela acolle esta semana dúas charlas do CPEIG sobre Internet segura
mércores, 13 de marzo do 2019

- Iván Luis Vázquez, o encargado de impartir as charlas, nunha sesión formativa recente
O
Concello de
Redondela (a través do Departamento de Ensino e de Novas
Tecnoloxías) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
de Galicia (CPEIG) van organizar esta semana dúas charlas de balde
sobre Internet segura e sobre as mellores maneiras que nais,
pais, profesorado e escolares teñen de garantila no seu quefacer
dixital diario. As sesións celebraranse mañá xoves, día 14, no
Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Paseo Xunqueira, s/n) ás 20:00
horas, e o venres, día 15, no Auditorio do Multiusos Piñeiral do
Crego (Camino do Piñeiral, 22. Chapela) ás 20:00 horas.
O
vogal da xunta de goberno do CPEIG, Iván Luis Vázquez, será o
experto enxeñeiro informático que impartirá as conferencias,
destinadas principalmente “a promover un uso seguro e positivo das
tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”.
A
xeito de adianto do miolo da charla, Iván Luis Vázquez salienta a
importancia da ciberseguridade, a privacidade e o uso seguro das
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na contorna dos
menores, co obxecto de protexer a súa reputación na contorna
dixital, e polo tanto, na súa vida cotiá. “Os pais ou titores
deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso
seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de
comportamento dixital”, sinala, facendo fincapé na importancia de
que a rapazada conte con supervisión para as súas experiencias en
liña, sobre todo en idades temperás, co fin de axudar aos menores a
“identificar que contidos non son os axeitados para eles, todo isto
grazas ao apoio e indicacións dos seus pais ou titores”.
O
CPEIG aproveitou a organización destas xornadas en Redondela para
lembrar algunhas recomendacións que debemos ter en conta:
·
Cómpre instalar un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible
para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a
Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén
deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas
ameazas dirixidas aos usurarios.
·
Debemos actualizar cada pouco os equipos. De forma habitual xorden
ameazas e non hai máis remedio que instalar as actualizacións ou
parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa
maneira de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de
última xeración, sinala o CPEIG
·
Contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos
rexistrados en máis páxinas e servizos. Debemos lembrar que os
contrasinais teñen que ser distintos para cada un dos servizos. “É
importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas,
maiúsculas, números e letras”, explica o colexio, engadindo que
“como método de axuda”, podemos usar un xestor de contrasinais
para manexar todas as claves con máis comodidade.
·
Engadir controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a
Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden
atoparse en liña. Para o colexio, “é importante axudalos a
distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son; os
controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos
e adolescentes accedan a sitios web non axeitados”. Tamén están
indicados para limitar o tempo que pasan conectados á Rede.
·
Usar as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben
ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente
compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, enderezos
postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das
amizades e en redes sociais.
