Red.es certifica importantes melloras de servizo nos nosos talleres grazas ás TIC
mércores, 16 de febreiro do 2011

- Red.es está estes días promovendo as novas tecnoloxías en máis de 30 cidades españolas, na imaxe a cita de Sevilla
Contribuír a que as novas tecnoloxías, dentro
dunha empresa pequena ou mediana, se vexan coma un investimento e non coma un
gasto. Este é un dos grandes obxectivos do programa Empresas en Rede do Ministerio de
Industria (Plan Avanza), do que se presentaron este mércores os principais
logros acadados na nosa terra, amais dos froitos que están por vir. O acto,
celebrado no CNTG (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia), veu da man da
entidade pública Red.es, ligada ao dito
Ministerio, e partiu do máis específico (datos do programa piloto de Empresas
en Rede para levar as TIC aos nosos talleres de reparación de automóbiles) ao máis
xenérico (o número estimado de internautas que hai na actualidade en España e
que se dará a coñecer en breve de xeito oficial: 26,9 millóns). Entre outras
cousas, puidemos saber que o 91% dos clientes dos talleres galegos onde se
aplican as TIC de xeito eficaz asegura que mellorou a calidade do servizo.
Código Cero estivo na celebración desta
Xornadas Empresas en Rede, que recalou en Santiago de Compostela en plena
chegada do
ciclón Quirín e que abrangue paradas en máis de 30 cidades do territorio
estatal. O programa presentado é parte das actuacións do Plan Avanza2 en
materia de empresas e autónomos, e conta cun orzamento total de 178 millóns de
euros ata 2013, dos que 11,9 millóns (achegados polo Ministerio, a Xunta e o
fondo FEDER da UE) están a ser destinados a territorio galego. O obxectivo:
acadar a integración das novas tecnoloxías nas pemes e micropemes,
facendo especial fincapé no ámbito dos talleres de reparación de automóbiles. A
razón? Pois unha das principais é que se trata dun sector no se logra unha
especial visibilidade das aplicacións prácticas das TIC, amais de que polo seu
carácter moi local, precisa de impulsos e axudas específicas para o seu
desenvolvemento tecnolóxico.

- Relatores da xornada celebrada no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
Deste xeito, o programa Empresas en Rede
desenvolveu, previamente á presentación deste mércores 16, unha iniciativa
piloto na nosa terra para albiscar as necesidades concretas deste sector. “Un dos grandes achados”, comentounos
Rafael Chávarri, voceiro da entidade Red.es, “é o potencial do Centro de Diagnose Multimarca, que trala súa integración
incrementa nun 15% a clientela dos talleres, cousa que vén dada polas melloras
importantes que pon en xogo na eficacia do traballo”. É dicir, grazas a
esta ferramenta, os operarios saben decontado que fallo ten o vehículo, amais
de outras informacións salientables para o seu traballo.
Amais desta novidade, o programa achega datos
sobre as vantaxes doutra tecnoloxía concreta: os Terminais de Punto de Venda
(TPV). “A implantación nos talleres
destes dispositivos”, engadiu ao respecto Chávarri, “supón un medre de arredor do 17% no fornecemento de clientela, sobre
todo grazas ás melloras que pon en xogo na xestión do negocio, incluída a
achega de facturas e a resolución dos impostos”. Unha das grandes
consecuencias de todo isto é que as reclamacións diminúen ata nun 21%.
Polo que respecta ao nivel de participación
das firmas neste sector, abranguendo ás da nosa terra, dicir que se acadou unha
taxa do 80%. As firmas incluídas nesta porcentaxe foron quen de ver, en maior
ou menor medida, as vantaxes do afianzamento das TIC no seu día a día, e unha
boa parte delas, sinala Red.es, amosaron xa o seu interese por dar continuidade
aos logros e afondar neles.
O programa Empresas en Rede, como dixemos,
conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A xuízo de Chávarri, precisábase da
súa concorrencia por ter un coñecemento especial do territorio no que se
proxectaba traballar.
Polo que respecta a actuacións futuras de
Red.es e do Plan Avanza2 na nosa terra, dicir que Chávarri aproveitou a
oportunidade para emprazarnos en breve para o mesmo lugar (CNTG) en datas
vindeiras, aínda por confirmar, e con motivo da posta en marcha (man a man coa
Xunta) dos centros demostradores das vantaxes das TIC entre as empresas e a
cidadanía en xeral, espazos aos que dará acubillo o CNTG e que teñen como
finalidade principal a de facer visible o que en ocasión fica oculto: os moitos
beneficios que pode achegar o feito de estarmos na Rede. En definitiva, os
centros terán o mesmo alicerce cá xornada deste mércores, pero dándolle
continuidade no tempo e un espazo fixo.
