Rapaciñ@s convoca ás familias para participar na súa gran festa do 6 maio no Gaiás

venres, 5 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba aínda, este sábado celébrase na Cidade da Cultura un evento tecnolóxico moi acaido para as familias e, tamén, moi indicado para sementar nas nenas e nenos prácticas e hábitos para un axeitado quefacer informático, tecnolóxico e mesmo programador. Trátase da terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O seu obxectivo é achegar lecer e formación (a partes iguais e complementarias) arredor da programación e da Internet e das cousas que podemos facer para sacarlles o máximo e mellor proveito, sen ameazas ou riscos. “É un evento familiar que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías”, explica o CPEIG.
A xornada desenvolverase no Edificio CINC do complexo do Gaiás e comezará ás 16.30 horas coa recepción aos asistentes aos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade. Segundo lembran o CPEIG e máis AMTEGA, estes obradoiros contan co apoio das empresas Arkitas Robótica e Tech Academy.
A organización tamén recorda que namentres se desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases, a cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17.30 horas. A entrada á conferencia é libre ata cubrir o aforo.
Para quen non o saiba, David Calle, enxeñeiro de Sistemas de Telecomunicacións, é o creador de Unicoos.com, organización educativa sen ánimo de lucro amais dun sitio web referencial para a comunidade educativa científica e tecnolóxica. Está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.
Para quen non o saiba, Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo do ámbito español e o terceiro no mundo, con 700.000 subscritores en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter. Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos recursos de seu da academia dixital.
Recentemente, Calle foi elixido Youtuber do Ano nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao Global Teacher Prize, considerado o premio Nobel da educación.
Segundo lembra o colexio profesional que preside Fernando Suárez, cómpre que lembremos que aparte do gran evento previsto para o 6 de maio, o programa Rapaciñ@s percorrerá Galicia nos vindeiros meses “con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís”. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.