RØDE Connect converte o ordenador nunha mesa de mesturas para micrófonos USB

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

Dende RØDE están a presentar unha solución de software para a gravación de podcasts e a realización de retransmisións a través da Internet empregando micrófonos NT-USB Mini que pode resultar moi interesante, xa que RØDE Connect permite conectar até 4 micrófonos USB a un ordenador e poder controlalos a través dunha interface inspirada na consola RØDECaster Pro, soportando incluso a posibilidade de xestionar canles virtuais (ou sexa, que podería integrarse como fonte de audio sinais procedentes de aplicacións como Zoom ou Google Hangouts para incorporar a interlocutores remotos e para incluír audio de fontes externas).
RØDE Connect é unha aplicación para PC e Mac totalmente de balde, e actualmente está limitada a micrófonos NT-USB Mini, permitindo que nun ordenador poidan mesturarse os sons recollidos polos distintos micrófonos cos seus correspondentes controis de volume e a súa monitorización, incorporando aos distintos sinais de xeito automático a supresión do son de retorno para evitar ecos, e converténdose nunha das solucións máis atractivas do mercado.
Esta solución tamén pode resultar moi práctica para streamers que desexen un bo control do son que emiten sen unha grande complexidade técnica.
Podemos considerar que esta aplicación informática é o meirande incentivo posible para facerse con micrófonos NT-USB Mini, que xa contaban con boas prestacións, pero que agora gañan moitas posibilidades. Para facer máis doado o uso de varios micrófonos nun único equipo, dende RØDE venderán uns accesorios de goma de cores para identificar claramente os distintos micrófonos e os seus conectores.

RØDE Connect é unha ferramenta ideal para gravar podcasts dende o ordenador

Vídeo promocional da aplicación RØDE Connect

PUBLICIDADE