R consegue ir alén das 100.000 liñas de móbil

xoves, 30 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, nunha imaxe de A Nosa Terra

O operador galego R segue en racha. Logo de ter sido elixido unha vez máis como o que mellor cotas de satisfacción acada entre os seus clientes, dentro do seu sector no ámbito estatal e no que se refire a atención aos usuarios, vén de conseguir un importante logro no que se refire ao número de liñas de móbil ás que dá servizo: a día de hoxe xa máis de 100.000. Segundo informa a empresa galega nun comunicado de prensa publicado na súa revista en liña, destas 100.000 liñas acadadas, preto de 78.000 foron contratadas por clientes particulares, e as restantes por empresas. Con estas e outras cifras, a firma de telecomunicacións ponse á fronte da nosa terra en materia de crecemento de negocio en telefonía móbil.
Ao abeiro do devandito e segundo se reflicte en medios como El Progreso, os moi bos números conseguidos en mateira de telefonía móbil tamén se reflicten na taxa de novos servizos diarios, que a día de hoxe está en máis de 100 novas liñas. Isto empraza a R no cumio do ranking en portabilidade, tanto a nivel estatal como na nosa terra. Este medre responde ás tarifas que buscan aforrar e ofrecen tamén conexión a internet no móbil, conta a firma galega.