Presenza galega na Conferencia Internacional de Software Libre de Badaxoz
mércores, 7 de febreiro do 2007
Estes días (ata o 9 de febreiro) estase a celebrar xa en Badaxoz a terceira edición da Conferencia Internacional de Software Libre e non é casualidade que esta cita sexa unha das máis importantes do mundo no que se refire a poder de convocatoria para usuarios e desenvolvedores de programas de fonte aberta, xa que a Administración de Estremadura foi pioneira no estado en apostar por este tipo de programas (Linex). Por Galiza, amais dos representantes dos colectivos de software libre da nosa terra, acudirá Antonio Pérez Casas, coordinador do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), quen presentará perante o mundo a plataforma mancomun.org, proxecto da Consellería de Innovación e dos colectivos galegos de usuarios e desenvolvedores de software libre. Pérez Casas tamén falará polo miúdo do PEGSI e das iniciativas encamiñadas a asegurar a interoperabilidade e “a libre circulación de datos a través de tecnoloxías abertas na administración autonómica e local e entre a cidadanía”. Na mesma Conferencia de Badaxoz, o Goberno galego terá representación na reunión da IDABC (organismo europeo) para desenvolver o novo Repositorio Europeo de Software Libre, que albergará proxectos encamiñados a afianzar a administración electrónica.
Concorrencia dos colectivos de usuarios de Linux galegos
Os colectivos galegos de usuarios de ferramentas abertas acoden tamén a esta xuntanza internacional cun espazo propio. O seu obxectivo é informar sobre as súas actividades, sobre todo as que se refiren a mancomun.org, plataforma na que traballan (man con man) coa Consellería de Innovación. Segundo informa esta departamento, a participación galega complétase co relatorio de Roberto Brenlla do grupo de usuarios Agnix sobre Perspectivas de futuro do Software Libre e a intervención de Javier Vázquez, da empresa coruñesa Igalia, na mesa sobre Modelos de negocio e casos de éxito de Software Libre.
