Presentada en Lugo a web de Proxéctate en galego para amosar a riqueza da lingua en tódolos eidos do saber

martes, 18 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación en Lugo do espazo web ’Proxéctate en galego’, con (de esquerda a dereita) Mar Pérez Fra, Pedro García Herradón, Ramón Villares e Marta López

Tal e como advertimos o pasado mes de outubro, o noso panorama web con vocación divulgadora ía recibir novo pulo na recta final de 2012. Dito doutro xeito: a partir da xa, hai máis tecnoloxía e máis ciencia galegas na Rede e, a maiores, achegadas na nosa lingua. As/os responsábeis disto son os membros da plataforma-iniciativa Proxéctate en galego, que xa en outubro deixaron claro que os seus esforzos en promoción do uso do idioma nos eidos académico e científico ía ter continuidade de abondo nas redes e en novas xeiras de traballo. Unha vez máis, Proxectate en galego reuniuse na Casa do Saber do Campus de Lugo, desta volta para presentar polo miúdo os seus froitos dixitais, reunidos nunha web que é unha porta na que petar e un espazo aberto cheo de ferramentas.
O acto celebrado en Lugo contou coa presenza do catedrático da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; e as profesoras da USC e membros das comisións de normalización lingüística Marta López (Facultade de Veterinaria) e Mar Pérez Fra (Escola Politécnica Superior). Como lembraremos, a iniciativa Proxéctate en galego vén da man das Comisións de Normalización Lingüística do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, EPS, Formación do Profesorado, Humanidades e Veterinaria). O seu obxectivo non é tanto demostrar que o galego é o galego é unha lingua perfectamente válida para comunicar cuestións sobre tecnoloxías, ciencias ou emprendemento e innovación, senón simplemente amosalo. De feito, o seu traballo baséase en algo que xa está máis que demostrado pero que cómpre divulgar, normalizar e visualizar: a viveza e riqueza da nosa lingua en tódolos ámbitos do coñecemento. O punto principal do proxecto é como dixemos o espazo web de seu, no que se pode atopar unha escolma de ferramentas (dicionarios, tradutores, buscadores, aplicacións...) de uso habitual para as persoas que empregan o galego como lingua para a súa actividade laboral, académica, cultural ou científica.
Neste portal reúnese tamén unha abondosa listaxe de ligazóns a outras iniciativas para a potenciación do galego en calquera ámbito, desde o escolar ao cultural, pasando pola música ou os medios de comunicación, ademais das actividades desenvolvidas neste ámbito pola propia USC. Outra sección recolle en forma de vídeo as experiencias daqueles que xa converteron o galego no seu referente; entre eles, os profesores Ángel Carracedo e Jorge Mira, ademais dos promotores da iniciativa e outros colectivo e persoas vinculados ao mundo académico ou cultural.
“O obxectivo”, sinalan os responsábeis da iniciativa, “é motivar no emprego do galego, e cremos que esta motivación débese acadar desde unha óptica multidisciplinar e a través de iniciativas transversais”. Ao seu xuízo, o galego debe ser unha ferramenta adicional que lle dea ao alumnado a posibilidade de acadar obxectivos superiores nas carreiras profesionais, “ben porque lles permita innovar e así ter maior oportunidade de negocio, transmitir á sociedade os seus logros científicos, ou mellorar a comunicación con persoas doutras culturas”, explican. Para elas/eles, unha sección vital para garantir o éxito e a continuidade deste espazo web é a denominada Comparte con nós, “a través da que calquera usuario pode facernos chegar recursos ou materiais que considere de interese para incorporar ao portal”.

PUBLICIDADE