Ponteareas pon en marcha o seu proceso de integración na Administración Electrónica

venres, 3 de febreiro do 2017 Redacción

Fachada da Casa do Concello de PonteareasO Concello de Ponteareas puxo en marcha esta semana o proceso para a implantación da súa plataforma de Administración Electrónica. A previsión, informou o Goberno local, é que no prazo dun mes e medio estean en funcionamento as ferramentas que integran a plataforma, uns recursos que van permitir á cidadanía cousas como realizar os seus trámites de maneira cen por cen telemática, sen necesidade de achegarse ás dependencias locais e coas máximas garantías de fiabilidade e seguridade. Para o persoal do consistorio, as vantaxes comezarán permitíndolle elaborar expedientes sen o uso de papel.
Segundo informa o Concello, este proceso de adopción e posta en marcha dos recursos da plataforma lévase a cabo en cumprimento da nova lexislación en materia de procedemento administrativo común, a Lei 39/2015, que obriga ás administracións a realizar os trámites de maneira dixital antes de outubro de 2018. Porén, o Goberno local lembra que os cidadáns poderán seguir dirixíndose de maneira física e en soporte papel, se así o desexan. “Non así, as persoas xurídicas que estarán obrigadas a realizar as súas xestións de maneira telemática”, engade o Concello, que, como lembraremos, adheriuse hai uns meses ao servizo de Administración Electrónica da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa para dixitalizar os concellos da provincia de menos de 40.000 habitantes.
“O obxectivo”, apunta o concelleiro de Novas Tecnoloxías Benito Márquez, “é converter o Concello de Ponteareas nunha Administración sen papel baseada nun funcionamento integramente electrónico que mellorará a súa eficacia e eficiencia, conseguirá aforrar custes, optimizará a atención e servizo ao cidadán e favorecerá a rapidez, a eficacia e a transparencia na xestión interna do Goberno”. E engade: “Este proceso de conversión desenvolverase ao longo de mes e medio, a través de tres fases de traballo até consolidar todo o consistorio como unha verdadeira sede electrónica”.
Respecto da importancia do cambio para o persoal, Márquez sinala que “con este proceso de modernización e coas transformacións que implica, todo o persoal recibirá formación específica sobre a nova plataforma e a tramitación de expedientes e sinatura dixital”.
A primeira fase desenvolverase esta semana vindeira, entre o mércores 8 e o venres 10, datas nas que se levará a cabo unha consultoría para coñecer os distintos procedementos administrativos que se inician en cada departamento, e axilizar as tarefas de implementación posteriores. Esta análise exhaustiva comezará polos departamentos prioritarios do consistorio, como Secretaría e Intervención/Rendas; posteriormente seguirá polos departamentos de Oficina Técnica, Persoal Policía Local e Rexistro, e despois, o venres, continuará con tódolos demais departamentos. Posteriormente comezará a segunda fase de formación, a dos traballadores. A terceira será a da implantación propiamente dita, que comezará no Rexistro, e seguirá por tódolos departamentos do concello.