Pont-Up Store 2019 enxalzará a afouteza das nosas emprendedoras e emprendores

mércores, 11 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os días 19, 20 e 21 deste mes de setembro temos en Pontevedra unha cita imprescincíbel co espírito innovador e a nosa arela común por atopar novos xeitos (tecnolóxicos e creativos case todos eles) de construír empresas e facelas medrar. Estamos a falar da nova edición (a sexta) do encontro Pont-Up Store, destinado a situar Pontevedra no epicentro galego e estatal das enerxías aplicadas á innovación. O lema deste ano é plenamente significativo da intención das entidades organizadoras: O impulso da xente valente.
Entre as novidades principais da nova convocatoria figuran as seguintes: unha romaría creativa, un recanto adicado ao emprendemento senior, un laboratorio rural de creación de proxectos e, segundo fixo saber a organización no verán, “unha manchea de iniciativas arredor da industria dos videoxogos”.
O epicentro das actividades será novamente a praza de España, aínda que o programa terá ramificacións noutros emprazamentos, como de costume.
Na web do evento xa podemos ver a listaxe de iniciativas seleccionadas para participar na feira, que terá unhas 35 casetas e acubillará unhas 15 actividades demostrativas, ás que se se suman unha decena de accións de presentación ao abeiro de Puntazo Exprés, a palestra de visualización de proxectos innovadores locais (nesta sección, as firmas participantes terán que explicar en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas).
Polo que respecta á campaña deste ano (O impulso da xente valente), quere poñer en valor “o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade”. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.
Como dixemos, a nova edición do evento vai poñer o foco no eido dos videoxogos, amplificando algunha das actividades xa iniciadas en edicións previas. Haberá, con respecto ao ano pasado, máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, meirande número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de eSports nas plataformas máis concorridas. Todo isto formará parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019. Asemade, presentarase o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon, unha actividade rebordante de videoxogos, animación, cómics e xogos de mesa, entre outras vertentes do lecer.

Organización

O encontro Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra “na capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Este ano, súmanse a este equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Galician Rural Lab

Presentación da sexta edición do evento emprendedor e innovador pontevedrés

No marco da nova edición da feira, a emprendedora Alba Sotelo vai presentar unha experiencia de desenvolvemento rural orientada á formación audiovisual na que se inclúe a gravación dun programa de radio en directo durante o evento e un proxecto de podcast arredor de iniciativas de emprendemento. Ademais, no Espazo Fab Lab desenvolveranse obradoiros de stop motion para nenas e nenos de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais.
Amais, no Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de ideas arredor do proxecto Interrreg Va-Laces; un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsábeis; e unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social. Tamén se convocarán, como cada ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia, Wordpress ou Mulleres Atlánticas.

Os desafíos do emprendemento e a dixitalización

As entidades pontevedresas AEMPE, AJE Pontevedra e Cámara de Comercio van organizar tamén, no marco da feira Pont-Up Store, un almorzo de traballo sobre novos xeitos de crear unha empresa e, tamén, sobre as ferramentas tecnolóxicas que teremos que dominar para garantir o éxito da nosa iniciativa. O almorzo Os novos camiños do emprendemento celebrarase o sábado 21 de setembro.
Ao seu abeiro, os asistentes poderán coñecer os novos desafíos do mercado a través dunha serie de pílulas informativas achegadas por Marcelo Toural (O marketing móbil que vén para quedarse) e Diana Fernández (A internacionalización das PEMES e micro-pemes como panca de crecemento).
Marcelo Toural (Krack Zapaterías) é o director executivo de Krack Co, un grupo galego que xestiona preto de 50 tendas de calzado das insignias Krack, Bross, Geox, Clarks e Pikolinos, e a tenda en liña krackonline.com. Así mesmo, é socio fundador da firma de consultoría G3M Operational Consulting, especializada na mellora e optimización de operacións e vendas en empresas , e de tupsicologateescucha.es, unha web de atención psicolóxica domiciliaria.
Marcelo Toural, que ao longo da súa traxectoria profesional traballou en compañías multinacionais como Atos Consulting, Accenture e Roberto Verino, é enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo e executive-MBA polo Instituto de Empresa, Posgrao en Loxística pola Universidade de Vigo e o Centro Español de Loxística.
Pola súa banda, Diana Fernandez Soutullo, é experta en internacionalización de empresas e especialista en dereito das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), protección de datos e propiedade intelectual e industrial. Apaixonada pola internacionalización con éxito das empresas, nos últimos cinco anos implantou sociedades en máis de 30 países (Kenia, Kazahstan, Portugal, Dubai, Australia…). Amais, traballou para o sector público en materia de sanidade e para o sector privado no sector do turismo de saúde e do mundo dixital internacional.
O evento realizarase na praza de España (espazo central) e terá una duración aproximada de hora e media.

PUBLICIDADE