Pilz mostrará nas JAI de Vigo os seus últimos achados en Industria 4.0

xoves, 22 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Entre as empresas que van ter presenza nas Xornadas de Automatización Industrial da Universidade de Vigo (JAI 2018), entre o 12 e o 16 de marzo, atópase a compañía xermana Pilz que, para que non o saiba, é unha firma adicada á automatización segura con presenza en España e en Portugal, e que salienta no mercado internacional polo compoñente innovador dos seus sistemas e servizos para simplificar e facer máis segura a introdución da Industria 4.0 en máquinas e instalacións de todo o mundo. A empresa participará no conxunto de exposicións orais con dous relatorios, que presentarán os logros da compañía e os seus achados no eido da seguridade na automatización.
O martes 13 de marzo de 17:00 a 18:10 horas, Nuno Güedes, country manager Portugal, achegará o relatorio Estándar e Seguridade, todo nun; PSS4000 o teu mellor aliado; PAS VISU, Visualización óptima dos teus proxectos en automatización. O mércores 14 de marzo de 17:05 a 18:10 horas, Toni Guasch, experto en desenvolvemento de robots, centrará a súa intervención na Seguridade aplicada en Robótica Colaborativa. Todas as exposicións realizaranse no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
Pilz, amais de informarnos dos contidos das súas intervencións, aproveita para destacar as boas oportunidades de promoción e colaboración que se abren coas JAI: “Esta cidade galega será a capital durante eses días da Industria 4.0 e a robótica, cun amplo programa de relatorios das empresas líderes no sector, nunha cita estudantil xa tradicional que se converteu nun encontro empresarial da industria española”.
As xornadas, como lembraremos, están organizadas pola Universidade de Vigo (sendo o seu principal impulsor o profesor Ignacio Armesto) e oriéntanse á difusión formativa e informativa das máis innovadoras tecnoloxías de automatización industrial. Cun programa de 38 horas de conferencias por parte de 32 empresas, o evento ofrecerá un repaso por varias disciplinas clave da enxeñaría: a robótica, nos seus eidos colaborativo e sensitiva, móbil e social; a fabricación aditiva; as realidades virtual e aumentada; e a Industrial Internet of Things (IIoT).