Patrick O´Flanagan fala en Santiago das semellanzas e diferenzas entre Galiza e Irlanda en materia de redes

martes, 11 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Falar das semellanzas entre Galiza e Irlanda é o recurso comunicativo estrela entre un galego e un irlandés que se acaban de coñecer. Moitos dos detalles das cuestión teñen unha boa porcentaxe de inventado, pero algo de verdade debe haber para que volvamos sempre sobre o mesmo e para que sigamos (séculos despois de ternos visto as facianas) a detectar un aquel de familiaridade. Na cuestión da Sociedade do Coñecemento e máis concretamente da banda larga, as historias tamén semellan discorrer paralelas.
Temos unha illa, a irlandesa, con pouca poboación e moi dispersa xeograficamente onde até hai ben pouco as empresas de servizos de acceso a Rede non atopaban rendibilidade ó feito de espallala en todo o territorio, deixando franxas importantes do mesmo na escuridade dixital. O caso irlandés, en definitiva, segue a sernos familiar, malia as súas diferenzas (por exemplo: alí hai unha industria tecnolóxica moito máis desenvolvida).
Para falar del e da investigación ligada á Sociedade do Coñecemento, o profesor Patrick O´Flanagan (Universidade de Cork) participou este martes nuns encontros en Santiago.
As xornadas, que foron organizadas polo Centro de Estudos Euro Rexionais de Galiza e Norte de Portugal na Facultade de Historia en Compostela, serviron para abrir novas vías de colaboración entre grupos de investigación de seis universidades (Santiago, A Coruña, Vigo, Minho, Tras-os-Montes e O Porto). Porén, a xuntanza non se limitou a debater sobre a informática social e as súas moitas posibilidades neste eido xeográfico concreto, senón que se procurou a colaboración con outros centros: a Universidade de Valencia (representada nas xornadas) e a de Cork, da que acudiu o profesor O´Flanagan, “un vello coñecido de Santiago”, segundo sinalaron os organizadores.
O´Flanagan, que é especialista en xeografía e nas súas ligazóns coa informática social, falou entre outras cousas dos paradoxos irlandeses en materia de redes (teñen unha gran industria tecnolóxica pero, até hai ben pouco, escasa cobertura de banda larga) e do papel importante que están a xogar as asociacións sen arela de lucro no afianzamento da Internet e dos accesos alí onde xa non se contaba con ela (en amplas zonas do interior e do noroeste, lonxe das grandes cidades, case sempre coincidindo coas áreas máis deprimidas economicamente). O caso é que en Irlanda hai neste intre unhas 44.000 organizacións de todo tipo e actuando en espazos de moi variado tamaño (en todo o país, en condados ou en parroquias) e todas elas levan anos reaccionando a favor da chegada da banda larga, sobre todo de tres ou dous anos a esta parte, prazo no que se teñen solucionado (en parte) algúns dos problemas máis graves de cobertura.
O seu papel”, comentou O´Flanagan, “é moi importante porque presionan ó Goberno, e hai que ter en conta que todos os políticos que queren ter algún tipo de carreira e representación comezan formando parte destas asociacións; como por exemplo as asociacións deportivas, que están presentes en cada parroquia do país”.
O investigador irlandés mesmo chegou a citar algúns exemplos de colectivos con gran influenza no afianzamento da banda larga: é o caso da Irish Farmer´s Association (que exerce unha gran presión sobre o Goberno) a National Ploughing Association (outra organización de peso) ou a Irish CountryWomens Association (entidade un pouco máis vinculada ó turismo que reúne a unha gran cantidade de mulleres irlandesas e que ten tras de si un gran legado histórico). O´Flanagan achegou tamén datos de interese sobre a banda larga en si mesma:
· En Irlanda operan catro grandes compañías no sector.
· En 2005, o país estaba por debaixo da media europea no que se refería a penetración de banda larga, por detrás de España e Portugal. Porén, a situación mudou rápido e, aínda que queda moito por facer, os esforzos e a presión dunha boa parte dos colectivos cidadáns conseguiu poñer ó país nunha situación de meirande vantaxe.
· En Irlanda o ADSL é máis barato ca en España, que é o país da Unión Europea no que máis custa. A demanda dos cidadáns e a competencia entre as empresas nun escenario relativamente pequeno fixo posible que os prezos baixasen.

PUBLICIDADE