Panda actualiza as súas aplicacións de seguridade informática

luns, 1 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A empresa Panda Security vén de actualizar a súa oferta de solucións de consumo para manter seguros os equipos informáticos conectados á Internet, centrándose na redución tanto do consumo de recursos dos ordenadores coma do largo de banda das conexións.
Estes novos produtos de seguridade informática incorporan innovacións como a Intelixencia Colectiva de Panda (unha especie de base de datos en liña en tempo real que almacena todos os ficheiros de sinaturas coñecidos por Panda, mantendo só os máis importantes no equipo do usuario, e axuda para determinar se un correo electrónico é seguro), unha nova versión da tecnoloxía Identity Protect que detecta intentos de roubo de datos confidenciais mediante análise heurística e TruPrevent 2.0, que protexe contra malware descoñecido e ataques que aproveitan vulnerabilidades.
A nova gama 2009 de Panda inclúe as seguintes aplicacions:

- Panda Antivirus Pro 2009: solución contra virus e spyware, que tamén integra devasa, e que se vende a 39,95 euros para 1 equipo e a 49,95 euros cunha licenza para 3 equipos.

- Panda Internet Security 2009: aparte de loitar contra virus e spyware, este paquete tamén protexe do correo lixo. Véndese a 59,95 euros para 1 equipo e 79,95 euros para 3.

- Panda Global Protection 2009: engade aos anteriores 2 Gb de almacenamento en liña para copias de seguridade. Se vende por 69,95 euros para 1 ordenador e 89,95 euros para 3 equipos.

PUBLICIDADE