Ourense acollerá un centro tecnolóxico para impulsar a innovación intelixente

venres, 27 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense, ABANCA e Afundación anunciaron hoxe a creación conxunta dun centro tecnolóxico destinado a espallar e facer real na contorna o espírito smart (o espírito de gañar en sustentabilidade, comunicación integral, eficiencia en recursos, melloras na xestión pública e posta a punto da Administración Electrónica) en toda a contorna. Trátase do centro Provincia Intelixente, que foi dado a coñecer polos presidentes da Deputación, de ABANCA e de Afundación, Manuel Baltar, Juan Carlos Escotet e Miguel Ángel Escotet.
O centro estará na Finca Sevilla, en Ourense, e terá unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, que permitirá, segundo sinalaron, “crear novas oportunidades no ámbito tecnolóxico, económico e social na provincia”.
A empresa Viewnext, do grupo IBM e con máis de 200 traballadores, será a primeira compañía en incorporarse ao centro. A adhesión foi asinada por Manuel Baltar e o director xeral da firma, José María Pascual.
A Deputación de Ourense realizará unha achega de 200.000 euros no 2018 e outra do mesmo importe no vindeiro ano, para sufragar a posta en marcha e mantemento do centro de innovación, e comprométese con ABANCA e Afundación a “realizar proxectos conxuntos no ámbito das novas tecnoloxías”, a través do IESIDE, na formación superior para a innovación e desenvolvemento dixital. Pola súa banda, Afundación será a encargada de renovar e axeitar o inmóbel ás finalidades desta iniciativa, “no referido á instalación no centro de empresas do ámbito da innovación”, fixo saber Miguel Ángel Escotet.
Manuel Baltar dixo no acto que esta iniciativa intégrase nas actuacións do Plan Ourense 15-19, que basea a súa importancia na innovación, e neste caso, en “dispoñer dunhas instalacións que poidan acubillar emprego tecnolóxico”. O presidente do goberno provincial lembrou que “tamén hoxe asinamos un convenio de colaboración con Viewnext por medio do cal 200 empregos tecnolóxicos emprazaranse neste centro de innovación, no que se desenvolverán aplicacións e iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e os servizos municipais, nesa estratexia na que pretendemos que pivote desde a Deputación a atención aos 92 concellos da provincia”. Segundo engadiu, o obxectivo é converter Ourense nun referente nacional e internacional en innovación smart.

PUBLICIDADE