Os smartphones afiánzanse como xanelas de uso común para ver o que acontece nos Xogos Olímpicos
mércores, 8 de agosto do 2012
Calquera acontecemento que se organice conta
xa cos seus trebellos inmortalizadores de intres e, polo tanto, coa súa
comunidade de seareiras/os nas redes á procura deses intres inmortalizados. Se
isto é válido e aplicable para eventos familiares (estrea da grella para
churrasco, inauguración oficial de piscina doméstica), éo tamén para un
acontecemento de interese mundial como os Xogos Olímpicos, onde os smartphones convertéronse xa, con perdón
dos deportistas, nos actores principais das competicións. Así
nolo certifica Google, que sinala que as buscas feitas a través destes
aparellos multiplicáronse por 10 durante a primeira semana das Olimpíadas,
achegando cifras de uso que están por enriba das acadadas por portátiles e tablets.
Salientar, neste senso, as subidas de
actividade móbil xeradas pola propia cerimonia de inauguración dos xogos, uns
intres nos que, informa Google, a maioría das seareiras e os seareiros do
deporte a nivel mundial colleron o seu teléfono intelixente para atopar
información actualizada e recente “sobre
as incribles fazañas e as celebridades que se deixaron ver na pantalla”. Por exemplo o ex beatle Paul McCartney tocando Hey
Jude ao final da gala, seguido de preto por máis smartphones que por computadores ao uso.
Segundo apunta o buscador dende a súa bitácora,
hai países que salientan especialmente nesta aposta case xeral polos smartphones, é o caso de Reino Unido, Países
Baixos, Alemaña ou Francia, que abranguen máis de un terzo das procuras efectuadas
dende os trebellos móbiles en Europa. No caso asiático, salienta Xapón, con máis
da metade das operacións. A natureza das buscas é do máis variado, pero todas
elas teñen o elemento común da cuestión olímpica: atletas, deportes,
acontecementos e rexistros.
