Os novos Galaxy S9 e S9+ comezan a chegar aos consumidores

venres, 9 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Non hai dúbida en que o smartphone que máis atención captou no Mobile World Congress de Barcelona foi o Samsung Galaxy S9/S9+, que grazas á incorporación da súa cámara con apertura dual e a posibilidade de gravar vídeo en cámara super lenta conseguiu situarse como a mellor cámara dun smartphone se atendemos á análise do teléfono que fixeron nos laboratorios de DxOMark, confirmando a impresión de que Samsung conseguía un ano máis manter o nivel de excelencia nas súas cámaras, chegando a superar ao iPhone X de Apple e ao Pixel 2 de Google.
Aínda que o novo smartphone insignia de Samsung non está dispoñible en tendas até o vindeiro xoves, esta mesma semana chegou xa a mans dos consumidores que o reservaron, coincidindo coa data na que se levantaron os embargos impostos á prensa para a publicación de análises en profundidade do dispositivo, coincidindo os distintos medios en que estamos ante unha evolución dos Galaxy S8/S8+, con pequenas melloras distintos aspectos, e cunha actualización das súas cámaras para atender ás tendencias do mercado e poder así convencer a máis de un a renovar o seu teléfono para poder gozar das novas prestacións fotográficas que tanto agradecerán os usuarios que disparen instantáneas sen grandes pretensións como os que prefiran optar pola realización de axustes manuais do disparo para conseguir distintos efectos e unhas imaxes impactantes, que cada vez achegan máis as posibilidades das cámaras tradicionais aos dispositivos móbiles a través da combinación de avances no hardware e no software.
O Galaxy S9 chega cunha pantalla de 5,8 polgadas, 4 GB de RAM, batería de 3.000 mAh e unha única cámara traseira, mantendo o seu prezo oficial en 849 euros; mentres que o Galaxy S9+ conta cunha pantalla de 6,2 polgadas, 6 GB de RAM, batería de 3.500 mAh e dobre cámara traseira, levando o seu prezo até os 949 euros, contando ambos dispositivos con 64 GB de almacenamento interno ampliable (no modelo á venda en España) e varias cores de carcasa a elixir (negro, gris, azul ou púrpura). Tamén será posible atopar a través dalgúns distribuidores o modelo con dobre SIM destes smartphones.
Estes teléfonos gozan de pantallas de auténtica impresión, compatibles con vídeo HDR, cunha experiencia sonora mellorada grazas aos seus altofalantes estéreo (incluíndo tamén auriculares AKG para cando queiramos escoitar música cunha calidade sonora bastante satisfactoria), con resistencia ao po e á auga, compatibilidade con Samsung Pay, carga rápida con cable e sen fíos, a última versión de Android e a coexistencia de distintas medidas de identificación do usuario, como un lector de pegadas dixitais na súa parte traseira (nunha posición centrada que atende ás críticas recibidas nos modelos anteriores), escáner de iris e un sistema de recoñecemento facial para facer máis rápido o desbloqueo do terminal.
Para chamar a atención Samsung tamén dotou a cámara dos seus smartphones con novos AR emojis, avatares creados tomando por base ao propio usuario, que buscan animar as conversas en redes sociais e aplicacións de mensaxería mediante o intercambio de vídeos e imaxes animadas únicas e personalizadas que chegan en resposta aos animoji de Apple, pero que moitos usuarios verán máis como unha aproximación doas Mii da Wii ou aos avatares de Xbox LIVE.
O Samsung DeX renovouse nos Galaxy S9/S9+ dun xeito bastante curioso, xa que modificaron a posición do móbil cando o conectamos a unha pantalla para empregalo nun modo no que poderiamos consideralo case coma un ordenador persoal, de xeito que agora o terminal manteríase deitado na mesa, coa pantalla cara arriba, o que permite aproveitar a súa pantalla a xeito de panel táctil, o que pode resultar de grande utilidade (de xeito que en moitos casos só sería preciso engadir un teclado de querer empregar o teléfono nun monitor como un equipo de traballo orientado á produtividade.
En vista de todas estas posibilidades non hai dúbida en que estamos ante os smartphones con Android máis potentes e completos do mercado, catalogación que probablemente manteñan até dentro duns meses, cando previsiblemente chegará o Samsung Galaxy Note9, teléfono que probablemente será unha lixeira modificación do Galaxy S9+ á que se lle incorporou un S Pen.

Edicións específicas de Microsoft

Un detalle a salientar dos novos teléfonos de Samsung é que nos EE.UU. Microsoft está a vendelos na súa tenda en liña, nunha versión que incorpora o Microsoft Launcher instalado de xeito predeterminado, xunto coas aplicacións de Office 365, ou sexa, que sería unha sorte de Microsoft Edition orientada aos usuarios dos servizos de Microsoft, que non precisan de teléfonos con Windows 10 para poder gozar dunha boa experiencia de uso cos produtos e servizos da compañía de Redmond, xa que nos últimos anos adaptaron as súas principais aplicacións para operar en Android.

PUBLICIDADE