Os nosos novos investigadores xa se poden matricular en STEAM Kids Tecnópole

xoves, 6 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Parque Tecnolóxico de Galicia abriu esta semana o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus novos cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de entre 8 e 18 anos. Segundo informa o Parque, as prazas son limitadas e a matrícula farase efectiva por orde de formalización.
Como lembraremos, STEAM Kids Tecnópole é a nova proposta formativa do complexo empresarial ourensán (substituíndo as anteriores Aulas de Robótica), unha fórmula que pon o foco en cinco piares fundamentais para a educación futura das nosas nenas e nenos (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas, STEAM polas súas siglas en inglés) e sen esquecer o fomento integral da creatividade e o impulso do talento tecnolóxico-científico-artístico que todas as rapazas e rapaces levan dentro.
De feito, STEAM Kids Tecnópole quere ser unha iniciativa cos pés na terra, en sintonía coas novas demandas sociais, investigadoras e empresariais. Segundo o explica a Tecnópole, “o programa da actividade aposta por ofrecer aos rapaces e rapazas un conxunto de actividades de aprendizaxe que xiren arredor de distintos eidos de coñecemento pero que requiran do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real”.
Respecto do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics), a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.
Nun plano máis concreto, os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, farán voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.
O referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas”.
A maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.