Oppo presenta auriculares sen fíos

xoves, 26 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Xunto coa presentación dos novos Reno3 e Reno3 Pro, Oppo deu a coñecer tamén os auriculares sen fíos Oppo Enco Free, que prometen baixos dinámicos, Bluetooth 5.0 e resistencia IPX4 contra o po e a auga. Poden controlarse de xeito táctil, integran sensores de infravermellos que pausan a reprodución cando quitamos os auriculares, os seus micrófonos duais permiten redución de ruído durante as chamadas e control por voz, e destacan por ter un modo con latencia de só 120 milisegundos.
Estes auriculares con estoxo de carga teñen unha autonomía de até 5 horas de reprodución musical, que pode incrementarse até as 25 horas de uso grazas ao estoxo de carga (que pode cargarse por USB-C en 110 minutos, mentres que os auriculares precisan de 70 minutos de carga no estoxo). Sairán á venda o vindeiro día 31 en China a un prezo de 699 iuans (90 euros) e venderanse en cor branca, negra e rosa.
Este tipo de accesorios deixan claro que non todos os fabricantes chineses queren competir cos AirPods de Apple en prezo, senón que tamén buscan ofrecer calidade e replicar funcións como o emparellado rápido (pouco frecuente en Android), de aí que ousen a ter prezo relativamente altos. Cómpre salientar que fabricantes como Oppo tamén inclúen este tipo de accesorios no seu catálogo en vista da posibilidade de vendelos en conxunto cos seus smartphones, ofrecendo unha experiencia de uso óptima.

Os auriculares de Oppo está claramente inspirados nos de Apple, pero prometen superalos en potencia de baixos e reducida latencia

PUBLICIDADE