Oppo inicia a internacionalización de dous dos seus últimos smartphones

luns, 24 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Un dos fabricantes chineses de smartphones de mellor sona á hora de ofrecer produtos cun excelente acabado, Oppo, leva tempo ofrecendo os seus produtos internacionalmente, aínda que meses despois da súa estrea no seu mercado local, e agora aproxímase o lanzamento de varios dos seus smartphones máis atractivos. Por unha banda, esta semana inicia a comercialización en certos mercados asiáticos o Oppo R7 Plus, a un prezo de 2.999 iuans (404 euros), agardándose que pouco despois chegue a Europa; mentres que o Oppo R5s porase á venda para o noso territorio mañá mesmo, o que supón unha excelente oportunidade para conseguir un magnífico terminal a un prezo contido.
O Oppo R7 Plus busca atraer aos usuarios que buscan teléfonos de grande tamaño, indo incluso un paso máis aló dos Note de Samsung, e chegando ás 6 polgadas nunha pantalla AMOLED Full HD con Corning Gorilla Glass 3. En procesador confórmase cun Qualcomm Snapdragon 615 de 8 núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámara traseira de 13 Mpíxeles (con sensor Sony, gravación de vídeo 4K, cámara lenta, HDR e HDR), cámara frontal de 8 Mpíxeles, dobre SIM, 4G, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, un grosor de 7,75 milímetros, un peso de 203 gramos e, como grandes argumentos para a súa compra, unha carcasa unibody de metal premium con acabado dourado e unha xenerosa batería de 4.100 mAh cun sistema de carga rápida que permite falar un par de horas con só 5 minutos de carga e que pode cargar a súa batería até o 75% da súa capacidade en só 30 minutos. Funciona con ColorOS 2.1, versión de Android 5.1 personalizada por Oppo que inclúe interesantes prestacións, como notificacións na pantalla de desbloqueo ou o uso de xestos personalizados coa pantalla apagada (para, por exemplo, activar a cámara ou realizar unha chamada).
Espérase que chegue pronto ao mercado europeo, e aínda que non conte con lapis dixitalizador, hai quen o ve como o smartphone que ten como punto forte o que no Galaxy Note 5 sería o principal punto feble (ou sexa, que presenta unha boa autonomía).
Para o usuario medio resulta moito máis atractivo e interesante o Oppo R5s, que sae mañá á venda por 199 euros, e que desta volta consiste nun terminal con pantalla AMOLED Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 615 de 8 núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, 4G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.000 mAh con carga rápida, un peso de 155 gramos e, como prestacións máis rechamante, un grosor de só 4,85 milímetros. Un smartphone que combinaría elegancia e potencial a un prezo bastante axustado, e coa garantía de calidade de Oppo.

O Oppo R5s é un dos smartphones máis potentes e atractivos que podemos atopar á venda en Europa por menos de 200 euros

PUBLICIDADE