O xefe do Grupo de Delitos Telemáticos visita as xornadas do CPETIG sobre informática xudicial
xoves, 12 de maio do 2011

- Juan Salom, o vicevaledor do Pobo, José Julio Fernández, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata, durante a apertura da xornada
Santiago está a acoller unha xuntanza profesional arredor
de dúas cuestións que nos collen ben de preto e que, concorrencia cada vez maior
dos cidadáns en Internet, xa case ninguén se estraña de ver xuntas: as novas
tecnoloxías dixitais e as investigacións policiais asociadas a esas tecnoloxías,
ben porque se apoian naquelas, ben porque son o obxecto mesmo desas pescudas. O
Seminario sobre Informática Xudicial,
Peritaxe Técnico e Proba Electrónica vén da man do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPTIG), e, na súa primeira xornada
(a deste mércores 11), contou coa presenza (entre outros profesionais do medio)
do xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, Juan Salom Clotet, quen
falou da importancia da proba electrónica e máis dos procesos da investigación
informática á hora de pór en marcha e desenvolver un proceso xudicial.
O relatorio de Juan Salom estivo precedido
pola presentación das sesións do día, levada a cabo polo vicevaledor do Pobo,
José Julio Fernández.
A primeira entrega do seminario contou tamén
coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, quen
o deu por inaugurado. O encontro profesional prosegue este xoves entre ás 17.00
e as 21 horas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Segundo
informa o CPETIG, a finalidade do evento é “informar
e concienciar aos xuristas dos avances
en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso,
así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías
no propio proceso xudicial”. En definitiva, do que se trata é de abrir
novos vieiros de colaboración entre os expertos en novas tecnoloxías da
información e todas aquelas persoas que desenvolvan o seu labor no eido da
Xustiza.
Programa deste xoves
A primeira intervención deste xoves 12 correrá a cargo do Xefe do Grupo
de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo
Sotelo Seguín, que abordará o tema do Protocolo
Forense en Probas Electrónicas. (17:00 horas)
A segunda das conferencias, que se desenvolverá contra as 19:00 horas, a
realizará o responsable de Comisión de Visados, Auditorías e Periciais do
Colegio de Ingenieros Técnicos en Informática del Principado de Asturias
(CITITA), Modesto Álvarez, e nela afondará no tema da Práctica Pericial Informática.
