O software galego Fenix, elixido para soportar a cobertura sanitaria dos Xogos de Lima 2019

luns, 12 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Fenix, o avanzado software de xestión para centros médicos e clínicas desenvolvido pola empresa viguesa SIVSA, resultou finalmente elixido para soportar a cobertura sanitaria dos Xogos Panamericanos e Parapanamericanos de Lima, edición 2019.
A plataforma de historia clínica creada a nosa terra foi contratada por IBT Group, grupo provedor oficial dos devanditos xogos, que a puxo a disposición dos 800 profesionais que achegan atención médica e sanitaria no acontecemento deportivo, considerado o evento competitivo máis importante do continente americano, clasificatorio para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio 2020.
O software Fenix, concibido en orixe para a xestión sanitaria e administrativa de clínicas ou consultas médicas de tamaño medio, foi obxecto dunha serie de adaptacións para achegar operatividade plena a 100.000 posíbeis pacientes durante os xogos, que se están a celebrar en Lima dende o pasado 26 de xullo. No evento, Fénix pon en xogo servizos de xestión médica e facilita a tramitación das urxencias ou necesidades sanitarias do persoal do evento, deportistas implicados ou espectadores.
Como dixemos, a aplicación está a ser utilizada actualmente por 800 profesionais da saúde, que están a prestar atención sanitaria nas diferentes sedes oficiais, a través de seis Policlínicas e múltiples Tópicos, para rexistrar citas e probas médicas, información de receitas, resultados de laboratorios ou informes.
O sistema permite acceder, en tempo real, aos datos clínicos dos pacientes, as 24 horas do día, desde calquera dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet, xa que se atopa aloxado en Azure, a nube de Microsoft, optimizando así a coordinación dos equipos, o tempo de resposta e a atención sanitaria. Segundo informa SIVSA, esta última é unha característica “valorada moi positivamente” polo comité organizador, xa que “lle permite dispor de informes diarios das atencións médicas realizadas e contar con todos os datos centralizados nun mesmo programa en tempo real”. SIVSA tamén pon o foco no factor “seguridade”, que vén da man de elementos como “o avanzado sistema para garantir o anonimato dos pacientes”, “a seguridade de datos clínicos na nube” e “o cifrado desenvolvido a través dun proxecto de investigación polo departamento de I+D de SIVSA”.
Por outra banda, tamén está o factor “escalabilidade”, ou sexa, a capacidade de evolución e adaptación da plataforma. Segundo informa a empresa galega, “a interface de Fenix, moi intuitiva e doada de manexar para os usuarios, posibilitou a rápida adaptación dos profesionais sanitarios ao sistema, o que unido a que non precisa instalación, permitiu simplificar as necesidades e o despregue técnico precisop para soportar a cobertura sanitaria dun evento das características e magnitude dos Xogos Panamericanos, que congregarán a máis de 8.500 deportistas, preto ce 19.000 voluntarios e miles de espectadores até o 1 de setembro.”
Con esta actuación, SIVSA consolida a súa presenza en Perú, país co que mantén unha ampla relación comercial desde fai seis anos a través da implantación do sistema de xestión hospitalaria Hosix, que integrou e puxo en marcha en máis de 16 hospitais públicos e privados, entre os que se atopan algúns dos máis modernos do país.

PUBLICIDADE