O servizo de reservas en liña Unamesaporfavor.com promove en Compostela ceas de Reis para as familias con dificultades

venres, 4 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

O servizo galego de reservas de restaurante en liña Unamesaporfavor.com está a promover estes días unha iniciativa que ten moito de innovación e colaboración arredor desa innovación pero, sobre todo, de solidariedade. A proposta é froito destes tempos. Mellor dito: responde a estes tempos. Consiste nunha doazón, en colaboración con oito establecementos gastronómicos de Santiago e a súa contorna, de outras tantas ceas de Reis entre as familias locais que estean a pasar por máis dificultades, inseridas na asociación compostelá Xuntos Podemos.
Esta actividade solidaria da empresa en liña, desenvolvido baixo o lema Unha mesa para todos, conta coa colaboración de A Tafona, Garum Bistro, Hotel Os Abetos e A Industrial en Santiago de Compostela; Casa Roberto en Vedra, Casa Rosalía en Brión, D’Antaño en Bertamiráns e A Fortaleza en Santa Comba. O viño, Adega Valdés, vén da man da propia adega, que doa unha botella de Albariño Gundián para cada unha das ceas.
Na iniciativa tamén achega a súa colaboración o devandito colectivo Xuntos Podemos, dirixido por Frei Francisco Castro, unha entidade de axuda ás persoas con menos recursos xurdida ao abeiro do Albergue Xoán XXIII. Lembrar que a empresa Unamesaporfavor.com está especializada en reservas de restaurantes en liña e foi creada con capital cen por cen galego, sendo un dos seus piares fundamentais apostar por iniciativas sociais a través do coworking e a cooperación empresarial. En YouTube hai un vídeo dispoñible sobre a iniciativa.