O proxecto Tempo de Psicoloxía inaugúrase este luns cunha mesa sobre adiccións online
luns, 17 de febreiro do 2020
Hoxe
dá comezo a segunda edición de Tempo
da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de
Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade
de Santiago e que levarase a cabo en Compostela ata o xoves 20. Nesta
primeira xornada, as condutas aditivas a través da Rede, a
prevención e o seu tratamento serán as temáticas protagonistas
nunha mesa de acceso libre e de balde que comezará ás 19 horas no
Teatro Principal.
A
mesa de hoxe, que marcará a apertura das xornadas, contará coa
presenza previa de Susana López Abella, secretaria xeral da
Igualdade; Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo,
Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago de
Compostela; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de
Psicoloxía de Galicia, e Lourdes Mirón Redondo, decana da Facultade
de Psicoloxía da USC.
O
primeiro dos coloquios leva por título Do smartphone ao Fortnite:
adiccións e tecnoloxías, onde intervirán Antonio Rial Boubeta,
profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e investigador no eido
das adiccións; José Manuel Recouso Ramos, psicólogo clínico de
AGALURE; Olegaria Mosqueda Bueno, orientadora do IES Santa Irene de
Vigo; e Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego de Saúde
Mental. Esta mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira. O
obxectivo desta sesión é avaliar as consecuencias dun hábito que
se estende preocupantemente entre as novas xeracións, impulsado por
empresas e entidades que fan lucro desta actividade e os medios que
lles dan acubillo: o xogo online. Do mesmo xeito tocaranse
cuestións relacionadas co devandito e cun mal uso das novas
tecnoloxías, como a adicción aos videoxogos ou o emprego abusivo
dos teléfonos móbiles, tanto entre a adolescencia como nas persoas
adultas.
O
proxecto
En
palabras das entidades organizadoras, Tempo da Psicoloxía é “unha
actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na
sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde
o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes
sociais”. As actividades dos tres primeiros días serán de acceso
libre e de balde ata completar o aforo, mentres que a xornada do
xoves estará reservada para a comunidade académica, coincidindo coa
celebración dos actos do Día da Psicoloxía Académica.
A
actividade do martes
O
martes 18 de febreiro ás 19:30h na sede Afundación (rúa do Vilar,
19), ofrecerase unha palestra na que se abordarán xeitos de reducir
o impacto da exclusión (de xénero, rural ou de idade) a través das
ferramentas dixitais, baixo o título Tecnoloxías que rachan coas
fendas sociais. Participará Susana López Abella, secretaria
xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Rosa Arcos Caamaño,
presidenta de FADEMUR Galicia; María José Fares Varela, psicóloga
experta en envellecemento e docente das Aulas Senior ATEGAL; así
como Patricia Gómez Salgado, psicóloga de FEAFES Ourense. Esta
conversa estará moderada pola xornalista Tamara Montero.
O
mércores
A
última das actividades de acceso libre será o mércores 19, tamén
na sede Afundación e ás 19:30h, para abordar “como mudaron as
nosas formas de relacionarnos, tanto de xeito interpersoal como coa
propia administración ou a través da nosa identidade dixital”. A
xornalista Alba Mancebo ocuparase de dirixir esta conversa, na que
participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero;
Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación
do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación,
Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de
Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.
O
peche desta edición de Tempo da Psicoloxía será na Facultade de
Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da
Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de
Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat
Jaume I, impartirá unha conferencia co título O uso das TIC na
intervención psicolóxica.
#TempoDesconexión
Co
gallo da temática escollida para esta edición, un grupo de alumnas
e alumnos do Grao de Psicoloxía da USC participa nun reto para
comprobar a incidencia desta sociedade dixital nas súas vidas, a
través do reto de desconectarse das redes sociais e da mensaxería
instantánea (WhatsApp e semellantes) ao longo dunha semana. Co
cancelo #TempoDesconexión no Instagram do Colexio Oficial de
Psicoloxía de Galicia
relatan a súa experiencia día a día a través de vídeos, as
dificultades para cumprilo, sensacións e cambios nas súas vidas.
