O medio ambiente e as tecnoloxías, eixes dos premios de Galiciencia 2018

venres, 11 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Galiciencia 2018, a feira cientítifa da Tecnópole, entregou hoxe en Ourense os seus premios aos proxectos tecnolóxicos máis salientables da nosa comunidade escolar. Segundo fixo saber a organización do evento, o gañador absoluto do certame foi unha iniciativa de ciencia cidadá para a recuperación da biodiversidade no rural. Trátase do proxecto Rebinxe, desenvolvido por oito estudantes lugueses e presentando na entrega de galardóns por Lidia Barreira e María Bouso, do IES San Rosendo de Mondoñedo. Rebinxe competiu con medio cento de contribucións tecnolóxicas das/os nosas/os novas/os investigadoras/es. A contía a recibir é de 1.000 euros, com vistas a financiar a súa participación na feira estatal Exporcerca 2019, en Barcelona. Tamén foron recoñecidos un foguete ecolóxico (segundo premio) e máis unha estación meteorolóxica electrónica (terceiro premio) para a prevención de incendios.
Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Polo que respecta ao primeiro premio, consistitu (en palabras de María e Lidia) nunha “iniciativa para involucrar os habitantes dos concellos lugueses de Mondoñedo, Abadín e Lourenzá na mellora da situación dos ecosistemas rurais nesta comarca”. Incluíu estudos pormenorizados sobre tres especies autóctonas (a curuxa, o moucho e o morcego) e un plan de acción con actividades de divulgación sobre estas especies (por exemplo para controlar as pragas de vespa asiática), colocación de caixas-refuxio e posta en marcha de diversas ferramentas online para recopilar datos facilitados polos habitantes da contorna.
O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao deseño dun foguete de combustible sólido utilizando unha mestura de nitrato de potasio e azucre, o que provoca unha reacción de gases que impulsan o proxectil. Pablo Portela e Brais Pazó, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra), inspiráronse nos principios físicos utilizados pola NASA para fabricar sucesivos prototipos capaces de alcanzar cada vez maior altura e aceleración.
En terceiro lugar ficaron Esther Suárez e Lucía Suárez, das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña), que concibiron unha estación meteorolóxica electrónica (a plataforma Cero lume) para a prevención de incendios. A través da medición mediante sensores de temperatura, humidade e velocidade do vento e circuítos programados para cruzar os datos, o dispositivo emite alertas cando se produce a combinación de factores de risco para poder controlar a situación. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.
De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na modalidade especial de cambio climático, os alumnos do Colexio Alborada de Vigo levaron o premio polo seu proxecto de caracterización dos plásticos da praia de Vilariño (Ría de Aldán). Pola súa banda, o proxecto de concienciación sobre a reciclaxe de papel do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), fíxose co recoñecemento á mellor presentación e comunicación oral. Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes das Aulas Tecnópole. Por último, a fórmula para a grella de cociñar perfecta dos alumnos do Colexio San José-Josefinas de Ourense foi distinguida polo método científico e proceso de investigación mellor definido.