O galego Rubén López é o novo director xeral de Elogia España

luns, 5 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Elogia España, unha das principais axencias de publicidade en liña do mercado estatal, vén de reforzar un pouco máis as súas ligazóns coa nosa terra. Se hai pouco informamos da integración no seu seo da firma galega GaliciaBanner, agora toca falar da elección do compostelán Rubén López Ferreiro como novo director xeral da empresa.
López Ferreiro, até o de agora director da división Elogia Media (antes, como dixemos, chamada GaliciaBanner) substitúe no posto a Enri Aparici, socio fundador e conselleiro delegado, quen orientará a súa actividade ao espallamento internacional da organización e a coordinar as diferentes filiais estranxeiras.
Sinalar que Elogia é un grupo de promoción e comunicación centrado na Internet. A día de hoxe, ten sedes en España, Portugal, México, Brasil e Arxentina.
A chegada de Rubén López ao posto da dirección xeral veu motivada polo crecente proceso de internacionalización da empresa, traballo que precisa de todos os esforzos despregados por Aparici e o seu equipo. Por certo que entre estes plans de espallamento sitúase a curto prazo a apertura dunha filial en Italia. O novo director xeral da compañía española terá entre os seus cometidos a coordinación de todos os traballos das oficinas de Barcelona, Madrid e Vigo, sendo os obxectivos fundamentais desta nova andaina da empresa reforzar a súa presenza en Madrid e consolidar o negocio das cinco divisións de Elogia.
Entre as súas funcións como director xeral de Elogia España, López Ferreiro manterá o control directo sobre a división viguesa Elogia Media, que duplicou o seu cadro de traballadores desde a súa integración en Elogia.

PUBLICIDADE