O director da AMTEGA participou na clausura do primeiro Sandbox europeo de IA

xoves, 11 de xuño do 2026 Redacción

O director da AMTEGA, Damián Rey, participou hoxe en Madrid na clausura do primeiro Sandbox europeo de IA, unha iniciativa na que a Xunta tomou parte cun proxecto baseado na aplicación da intelixencia artificial para optimizar e automatizar a transcrición das chamadas aos servizos de emerxencia.
Damián Rey valorou de maneira moi positiva a participación de Galicia neste Sandbox, xa que permitiu «traballar de forma práctica sobre os requisitos do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial e comprender como aplicar esas esixencias regulatorias nun sistema real de alto risco».
A proposta presentada pola Xunta consiste nunha solución de intelixencia artificial para o ámbito das emerxencias, desenvolvida co obxectivo de automatizar e mellorar a transcrición de chamadas mediante tecnoloxías avanzadas de recoñecemento automático da fala.
Trátase da única iniciativa presentada por unha administración pública nesta contorna de probas. A ferramenta permite transcribir chamadas en tempo real ou case real, almacenar as conversacións en formato estruturado e facilitar posteriormente a realización de procuras, análises e investigacións relacionadas con incidencias de emerxencia.
O proxecto pretende ir máis alá da automatización de tarefas e contribuír á mellora da capacidade operativa dos servizos de emerxencias. A creación de bases de datos estruturadas de transcricións permitirá impulsar futuros casos de uso vinculados á analítica avanzada, á detección de patróns, á predición de incidentes ou mesmo á priorización de chamadas a partir de indicadores emocionais identificados durante a conversa.
O proxecto galego foi seleccionado o pasado ano polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para participar no primeiro Sandbox europeo de IA como exemplo de acceso a servizos públicos esenciais. As outras 11 iniciativas participantes aplicaban a intelixencia artificial a ámbitos como a biometría, o emprego, as infraestruturas críticas, a maquinaria ou os produtos sanitarios. Todos eles están considerados sectores de alto risco polo Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial debido ao seu potencial impacto sobre os dereitos fundamentais da cidadanía.