O congreso ICCF2019 xunta na Coruña 120 expertos do ámbito fintech
venres, 5 de xullo do 2019
Expertos
de dúas ducias de países van participar a semana vindeira nunha
xuntanza sobre o eido fintech, que é como se denomina o
sector da tecnoloxía que se centra en achegar servizos e produtos
financeiros innovadores mediante o uso das TIC. Estamos a falar do
terceiro Congreso Internacional de
Finanzas Computacionais (ICCF2019), que se desenvolve na Coruña
entre o 8 e o 12 de xullo, con sede principal no edificio da
Fundación Barrié.
Falarán
120 expertos académicos e profesionais dos devanditos ámbitos. A
cita está organizada pola Universidade da Coruña, coa colaboración
da Fundación Barrié, o Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC),
o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), o
European Consortium of Mathematics and Industry, Abanca,
Afundación e Risk.net.
Carlos
Vázquez Cendón, catedrático de Matemática Aplicada da
Universidade da Coruña, é o coordinador do comité científico
deste evento. Segundo explica, trátase dun congreso mundial “de
elevada participación”, coa presenza de reputados e sobranceiros
profesionais e investigadores, co “que pretendemos fortalecer as
nosas alianzas co sector industrial”. Segundo fai saber acerca dos
retos que se van afrontar no marco do ICCF, “as finanzas
cuantitativas precisan de moitas ferramentas matemáticas e
cuantitativas para calcular riscos financeiros e o valor de
produtos”.
A
reunión busca propiciar a colaboración de investigadores destacados
de universidades e centros de investigación con prestixiosos
profesionais do sector financeiro. Os 120 participantes proceden de
24 países: Alemaña, Arabia Saudita, Australia, Austria, Bélxica,
Brasil, Canadá, Colombia, Dinamarca, Emiratos Árabes, Eslovaquia,
España, Estados Unidos, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia,
Xapón, Nova Zelandia, Portugal, Reino Unido, República de Corea e
Suíza.
O
programa inclúe 13 conferenciantes de prestixio mundial, procedentes
de recoñecidas universidades europeas e americanas. Tamén
participarán representantes referenciais como Bloomberg, que ofrece
software, datos e noticias de corte financeiro; ou a italiana Banca
IMI, o banco de investimentos de Intesa Sanpaolo, un grupo financeiro
referencial en Italia e cunha forte presenza internacional.
No
marco deste encontro, o mércores 10 desenvolverase o Industrial
Day na sede coruñesa de Afundación. Constará de tres
conferencias impartidas por tres profesionais de renome. Trátase de
Bruno Dupire, responsable de Investigación Cuantitativa na compañía
Bloomberg e profesor na Universidade de Nova York; Julien Guyon,
analista cuantitativo en Bloomberg e profesor de Matemáticas na
Universidade de Columbia; e Andrea Pallavicini de Banca IMI e
profesor no Imperial College de Londres.
De
seguido celebrarase unha mesa redonda sobre Temas actuais na
industria financeira. Nela, ademais de Bruno Dupire de Bloomberg,
participarán a profesional galega María R. Nogueiras, responsable
de Análise de Riscos no HSBC Bank de Londres, unha das organizacións
de servizos bancarios e financeiros máis grandes do mundo; o polaco
Lech Grzelac, senior quant da
multinacional holandesa Rabobank; o canadense Peter Forsyth,
profesor con ampla experiencia na colaboración co sector financeiro
e asegurador; e o holandés Kees Oosterlee, catedrático e
investigador do CWI, o Centro holandés de Matemáticas e
Informática.
No
debate xurdirán temas de aplicación de novas técnicas matemáticas,
numéricas e computacionais no sector financeiro e asegurador; xunto
a aspectos relacionados con uso da Aprendizaxe Profunda (Deep
Learning), a Intelixencia Artificial, a Cadea de Bloques
(Blockchain) ou a análise da información a gran
escala (Big Data); así como novos aspectos financeiros
relacionados co regulamento, os axustes de valoración por risco de
contrapartida ou a substitución do LIBOR.
A
organización salienta tamén “a alta presenza no congreso dun bo
número de mozos investigadores”, que poderán optar ao premio do
Journal of Computational Finance (Revista de Finanzas
Computacionais) ao mellor traballo presentado no transcurso do
evento. O premio entregarase no acto de clausura deste evento.
