O colexio Ponte dos Brozos de Arteixo dá a coñecer a súa experiencia aplicando Google Apps no eido pedagóxico

luns, 4 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O Centro de Infantil e Primaria Ponte dos Brozos de Arteixo vén de desenvolver unha interesante experiencia arredor das Google Apps, servizo do buscador do mesmo nome que pon a disposición dos internautas nomes de dominio personalizados cos produtos de Google (Gmail, Calendar, Talk, Docs, Sites, etc). A experiencia consiste basicamente na aplicación das tecnoloxías de Google (facendo fincapé nas máis educativas), ao servizo de alumnos e mestres, logo de varios de uso na parte administrativa do Proxecto Ponte dos Brozos. Arestora, a iniciativa abrangue a cincocentos usuarios activos.
A orixe deste Proxecto hai que rastrexala ben lonxe (e termos tecnolóxicos), máis polo miúdo hai máis de dez anos, cando se puxo en marcha no seo do dito centro escolar un proceso de dixitalización do labor docente. Contouse para esta iniciativa, pioneira no eido dos colexios públicos e sen arela de lucro, co apoio da Fundación Amancio Ortega e, posteriormente, co do Concello de Arteixo. Os resultados, sinalan os responsables da iniciativa, foron validados e premiados por varias entidades externas.
O proxecto, tal e como nos recordan Xabier Barral e Fernando Moreno, responsables do mesmo, vai dar a coñecer esta semana, no Centro de Novas Tecnoloxías de Arteixo, as novas experiencias abrolladas do seu seo dirixidas a mellorar coas TIC (Google Apps) diversos procesos educativos. Estas experiencias, sinalan, teñen o seu xermolo nunha constatación ben clara: a de ter atopado importantes atrancos de legalidade á hora de pór en marcha co alumnado ferramentas como blogs, un servizo de correo electrónico ou un recurso para o desenvolvemento de páxinas web. “Todos os nosos alumnos e alumnas son menores de idade”, informan, “e polo tanto sen posibilidades de crear unha conta de correo-e propia ou rexistrarse en servizos web sen ter que mentir en canto a súa idade, este problema viñámolo solucionando cunha conta do profesorado ou, naqueles casos onde era posible, utilizando unha conta de correo-e dos pais/nais dos alumnos ou alumnas”. Porén, non era un arranxo definitivo. Dentro das posibilidades que achegaba a Rede de hoxe para pórlle remedio ao devandito valorouse positivamente a posibilidade de solicitar a concesión ao colexio das Google Apps para a educación. “Con isto”, din, “poderiamos dotar a cada profesora ou profesor, e a cada alumna e alumno, a partir de terceiro de Primaria, cunha conta de correo electrónico co dominio propiedade do colexio, pontedosbrozos.org”. Deste xeito, estaríanse a asentar os alicerces para controlar as contas de email do alumnado e o seu emprego exclusivo para funcións pedagóxicas e didácticas.
Cómpre lembrar que Google Apps é unha ferramenta de Google nun principio destinada a empresas, pero que recentemente foi obxecto de importantes adaptacións para o sector educativo, sendo o obxectivo principal desta versión docente o de posibilitar a creación dunha comunidade (estudantes, profesorado e persoal) que poida compartir información e ideas con máis facilidade. Máis polo miúdo, permite empregar ferramentas típicas de Google como o correo electrónico (Gmail), Google Docs, Sites, Google Talk, Google Calendar, etc. dun xeito integrado en grupos, comunidades ou institucións.
Google Apps tamén achega marxe para combinar as ferramentas como cada un prefira e personalizalo co logotipo, as cores e o contido do centro. Á parte destas ferramentas, continúan os responsables da iniciativa, forneceuse ao profesorado e aos alumnos da posibilidade de usar estas contas para o seu rexistro en moitas outras ferramentas de Google. Así poden utilizar a súa conta do dominio pontedosbrozos.org para rexistrarse en:
· Blogger: Posibilidade de crear blogs tanto de aula como de profesorado ou individuais de cada alumno ou alumna.
· YouTube. Posibilidade de crear e subir vídeos a YouTube coa súa conta de usuario de Google Apps.
· Picassa. Compartir e editar fotos tamén dende a súa conta de pontedosbrozos.org.
Sobre o futuro do proxecto, que seguirá incorporando novidades e recursos, sinalar que, entre outras cousas, preténdese tirar o máximo partido de novos dispositivos móbiles como por exemplo smartphones e tablets (que poden servir como incentivo e ofrecer novas posibilidades para asentar os coñecementos) e de metodoloxías de traballo e de comunicación como a computación na nube, que podería valer para botar man de todo tipo de servizos educativos dende calquera lugar e en calquera intre. “Os alumnos e as alumnas terían á súa disposición o temario, exercicios ou probas desde o sofá da súa casa ou calquera outro sitio, entrando no servizo desde un dispositivo móbil; pola súa banda, os docentes terían a posibilidade de actualizar os documentos ou subir nova información cando quixesen”, explican Barral e Moreno. Estas e outras tecnoloxías, engaden, tamén contribuirían a promover a comunicación entre centros educativos, desde universidades ata institutos e colexios, o que enriquecería os plans de estudo e o intercambio de coñecementos, ao que cómpre engadir o factor “redución de custes”.