O cemiterio de Lugo aspira na Rede a ser o que ten mellor actividade de portas abertas

venres, 29 de setembro do 2017 Redacción

Xa está na recta final o certame en liña no que concorre o Cemiterio de San Froilán de Lugo e no que aspira a converterse no “camposanto de mellor actividade de portas abertas”. Segundo nos conta o Concello, as votacións vía web rematan este 30 de setembro. Asemade, o Goberno local fai un chamamento á cidadanía para que apoie ao seu cemiterio nas votacións, contribuíndo, sinala, a unha máis que merecida visualización. Como lembraremos, o concurso está promovido pola Adiós Cultural. As votacións pódense facer en www.revistaadios.es ou ben a través de www.lugo.gal.
Segundo informa o Concello, de gañar Lugo nesta convocatoria, contribuiríase a aumentar o atractivo turístico do municipio, amais de pórse en xogo unha boa oportunidade para amosar ante o mundo o patrimonio lugués e “dar un paso máis no impulso do cemiterio, non só como obxecto do turismo patrimonial, senón tamén emocional”.
Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán participa neste concurso, acadando en 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España. Desta volta, o Concello compite con Torrelavega, Barcelona, Avilés, Granada, Monturque, Frailes, Zaragoza e Abaurrea Alta.