O alumnado do IES Brión acada o terceiro posto no certame Wisibilízalas

mércores, 15 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

Os días pasados puidemos saber que a equipa de mozas/os innovadoras/es Brión 2, pertencente ao IES de Brión, resultara finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. Agora, o centro educativo e o Concello veñen de informar que a equipa local conseguiu finalmente o terceiro posto na final do devandito certame, unha iniciativa convocada co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
O concurso, que se resolveu este 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información.
O acto de entrega de galardóns coincidiu co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nel participou a profesora de Tecnoloxía do IES de Brión, Luz Ramos López, quen foi a encargada de recoller o premio en Barcelona.
Este galardón foi outorgado a un grupo formado por alumnado de 1º de Bacharelato (de TIC) e 4º de ESO (Educación Plástica, Visual e Audiovisual) en recoñecemento á calidade da páxina web Mulleres TIC, na que se describe a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballan no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación como Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.
O equipo gañador do certame estaba composto polos alumnos e alumnas: Carmen Alonso Lameiro, Pablo Bouzas Casal, Alejandro Dosil Souto, Carla Fernández Montero, Carmen González Pazos, Xosé Lois Piñeira, Martiño Lorenzo García, Karen Manukyan, Patricia Sánchez Petruk e Carmen Trigo Cobas. Dende o IES de Brión salientan que, detrás deste traballo e debido ás dinámicas de aula (que favorecen que o alumnado colabore e comparta materiais) hai un grupo máis nutrido de alumnado que merece este recoñecemento como: José David Aldana Sierra, Antón Carcedo Martínez, Hugo Fiz González Pérez, Ricardo Horta Cadenas, Brais Liñares Gesto, Alberte Xosé López Freire, Carmen Mª Martínez Santos, Irene Nimo Ares, Martín Soto García e Manuel Vázquez Dosil.
O primeiro premio do certame foi para o IES Gorgs, de Cerdanyola del Vallés (Barcelona) por Wisiborgs, mentres que o segundo posto recaeu en MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante).

PUBLICIDADE