O XaTcobeo comeza a emitir con éxito dende o espazo

luns, 13 de febreiro do 2012 Redacción

O XaTcobeo saíu ao espazo á hora prevista, ás 12:10 horas, e menos de dúas horas despois comezou a emitir o sinal que demostra que o picosatélite traballa perfectamente e está listo para iniciar o envío de datos e a recepción de ordes dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Os nervios e a expectación das horas previas deron paso ao xúbilo e á satisfacción por converter á Universidade de Vigo, en colaboración co INTA, na primeira de Europa en pór en órbita un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. Os seus grupos de traballo, xunto con membros da comunidade universitaria, representantes de institucións públicas e medios de comunicación seguiron con intensidade o lanzamento do foguete Vega VV01 que puxo en órbita aos sete picosatélites de universidades europeas entre os que se atopaba o XaTcobeo. Precisamente foi o vigués, por méritos propios, o primeiro en ser expulsado e abre o camiño á investigación aeroespacial en Galicia e a unha nova liña estratéxica para a Universidade. Pasadas as 13:00 horas os responsables do seguimento xa comezaban a recibir reportes de varias estacións que certificaban que o XaTcobeo estaba esperto e transmitindo adiantándose aos prazos previstos.

A secretaria xeral felicitou aos estudantes e profesores implicados no desenvolvemento do picosatélite así como ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Nun acto conducido polo xornalista da Radio Galega, Manuel Vicente, o reitor subliñou que “se trata dun triunfo porque é un exemplo claro de cooperación intelixente que abre unha liña estratéxica para a Universidade, a da enxeñaría aeroespacial, moi acorde tamén con outro obxectivo da institución, a internacionalización”. Este é o xermolo para o Vigo Tecnolóxico, unha consideración coa que coincidiu tamén con Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, que afirmou que este fito serve para “proxectar o potencial innovador de Galicia, para demostrar que dende Galicia se pode competir no mundo” engadindo que “demostramos o potencial dos profesionais galegos formados no sector das telecomunicacións para competir a nivel internacional e súa capacidade de innovación e de crear equipamento tecnolóxico de última xeración”.
A pesar de que, ata agora, todo saíu como estaba previsto, ao XaTcobeo quédanlle por diante grandes retos. Como apuntaba dende a Güiana Francesa Fernando Aguado, “enviamos o satélite ao espazo nun ano de moi mal tempo espacial, no que se van marcar máximos históricos, unhas condicións que non se dan dende hai 200 ou 300 anos. Toca, polo tanto, pasar unha parte complicada da misión na que se trata de sobrevivir aos elevadísimos niveis de radiación, onde nunca tiña estado un CubeSat”. Porén, a primeira meta está cumprida e con nota.

Helena Iglesias, Antonio José Vázquez, Daniel Docal, Alberto González e Adriana Vázquez na estación de terra, reciben os sinais do XaTcobeo