O Samsung Galaxy Pocket alimenta a gama baixa de móbiles Android

martes, 6 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os fabricantes de telefonía móbil continúan a facer máis accesibles os smartphones, contendo as súas prestacións para acadar uns prezos moi competitivos, e nesta liña Samsung vén de anunciar un terminal que chegará ao mercado este ano, o Samsung Galaxy Pocket, que limitándose ao sistema operativo Android 2.3 e cunha pantalla de só 2,8 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles busca estar ao alcance da meirande parte dos petos.
O móbil incluirá a interface gráfica TouchWiz de Samsung, a plataforma de comunicación ChatON da compañía surcoreana, e a plataforma Social Hub para facilitar a comunicación cos amigos a través de mensaxería instantánea, redes sociais e correo electrónico; mentres que a nivel de hardware limita o seu almacenamento interno a 3 Gb (ampliable mediante tarxetas de memoria microSDHC de ata 32 Gb), contará con cámara de foco fixo de 2 Mpíxeles, radio FM, Bluetooth 3.0, USB 2.0, Wi-Fi N, A-GPS, batería de 1.200 mAh, unhas dimensións de 103,7 x 57,5 x 12 milímetros e un peso de 97 gramos.

PUBLICIDADE