O Samsung Galaxy Fold abre hoxe as súas reservas nos EE.UU.

venres, 12 de abril do 2019 Marcus Fernández

A chegada ao mercado dos teléfonos encartables está cada vez máis preto, e hoxe mesmo T-Mobile abre a reserva do Samsung Galaxy Fold nos EE.UU., smartphone que iniciará as súas vendas en liña o 25 de abril e chegará a algunhas tendas físicas o día 26, de xeito que os consumidores por fin poderán probar este novo tipo de produto, o que permitirá coñecer a súa reacción para así comprobar se realmente este formato de dispositivo ten unha demanda real.
O Samsung Galaxy Fold ten un formato bastante curioso, de xeito que cando temos o teléfono pechado presenta unha pantalla de só 4,6 polgadas, pero cando o despregamos teremos unha pantalla Infinity Flex Display de 7,3 polgadas, que busca revolucionar o xeito de entender os móbiles, permitindo executar até 3 aplicacións á vez en cadanseu espazo en pantalla, polo que teremos un produto moi interesante de cara á produtividade. O terminal tamén presume de 6 cámaras de calidade profesional. Venderase en cor prata, con 512 GB de almacenamento e batería de 4.380 mAh, incluíndose coa súa adquisición unha funda de fibra de carbono e uns auriculares sen fíos Galaxy Buds, extras que non sorprenden se temos en conta que o teléfono venderase a un prezo de 1.980 dólares.
Confíase en que en España a reserva do Galaxy Fold ábrase o 26 de abril, para chegar finalmente o terminal ao mercado o 3 de maio.

ACTUALIZACIÓN: O procedemento de reservas do Galaxy Fold nos EE.UU. confirmou o interese polos móbiles encartables, e dende Samsung xa non aceptan máis solicitudes para conseguir o novo produto no seu lanzamento.

PUBLICIDADE