O Roku Streaming Stick achega o vídeo por Internet a televisores HD

xoves, 20 de setembro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 33.4 KB
Imaxe dun prototipo do Roku Streaming Stick publicada por Engadget

Para achegar a conectividade á Rede aos televisores de alta definición non intelixentes proliferan os dispositivos con Android que poden conectarse directamente a un porto HDMI, e seguindo esta liña a popular plataforma multimedia Roku anuncia que de cara ao Nadal vai pór á venda nos EE.UU. por 99,99 dólares o Roku Streaming Stick, un trebello do tamaño dunha memoria USB que permite gozar de streaming de vídeo e música, e incluso dalgúns xogos, directamente dende o televisor, resultando invisible para o usuario.
O Roku Streaming Stick conéctase á nosa rede Wi-Fi doméstica para permitir o acceso a múltiples canles de contidos en liña (entre os que nos EE.UU. estarían Netflix, Hulu Plus, HBO GO e moitos outros entre os que vén de estrearse VUDU) e pode manexarse directamente co mando a distancia do televisor ou incluso a través do móbil se contamos coa pertinente aplicación para iOS ou Android. Sen dúbida unha interesante solución que contribúe á adopción de tecnoloxías de vídeo baseadas na Rede.

JPEG - 57.3 KB
Roku conta con aplicacións que permiten converter o iPhone e móbiles con Android en completos mandos a distancia

PUBLICIDADE