O Redmi Note 9S partirá dun prezo de 199 euros en España

venres, 24 de abril do 2020 Marcus Fernández

Hai un mes presentouse o Redmi Note 9S como un interesante smartphone de gama media, que equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G, pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles integrada nunha perforación superior central, unha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, un lector de pegadas lateral e unha xenerosa batería de 5.020 mAh con carga de 18 watts, prometía conseguirse no grande referente do catálogo de Xiaomi para usuarios que busquen un teléfono moi completo e non queiran realizar un desembolso excesivo.
Finalmente o Redmi Note 9S confirma a súa chegada e España, cun prezo de 229 euros para o seu modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, e de 269 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, aínda que para os que merquen o dispositivo durante o seu día de lanzamento (o 4 de maio) poderán facerse cos modelos antes mencionados por 199 e 249 euros respectivamente, converténdose nunha oferta especialmente atractiva.
Este smartphone tamén pode presumir dunha cámara con modo noite capaz de gravar vídeo 4K e incluso cámara lenta de até 960 imaxes por segundo, conta con toma para auriculares, pode ampliar a súa capacidade de almacenamento con tarxetas microSD de até 512 GB e incluso ten un emisor de infravermellos para utilizar o móbil a xeito de mando a distancia. Unha configuración adaptada a un grande número de usuarios, na que a súa principal carencia sería a ausencia de NFC para pagamentos móbiles.

PUBLICIDADE