O Project Ara traballará en facer realidade un teléfono modular

xoves, 27 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Google presentou hoxe publicamente o Project Ara, unha iniciativa que busca crear teléfonos modulares que viña a desenvolverse dende dentro de Motorola antes da súa venda a Lenovo e que agora adopta unha identidade de seu e incluso prepara un congreso para desenvolvedores desta nova plataforma para os vindeiros 15 e 16 de abril no Museo de Historia da Informática de Mountain View (California), onde enfocaranse na versión alfa do kit de desenvolvemento de módulos para Ara, que nace como unha plataforma libre e aberta que esperan publicar en liña a primeiros de abril.
Esta iniciativa fará posible a creación dun móbil modular que partiría dun prezo de 50 dólares, incluíndo unha pantalla, un marco en un sistema de comunicacións sen fíos Wi-Fi, para que logo puidesen engadirse distintos elementos segundo as nosas necesidades, esperando que poida chegar a ser unha realidade dentro dun ano.
Nos vindeiros meses iremos sabendo máis detalles deste proxecto que non busca un rendemento económico inmediato, senón materializar unha curiosa idea que consideran que ten moito potencial.


Vídeo no que explican a historia detrás do proxecto Ara

PUBLICIDADE