O Poco X3 NFC poderase reservar a partir do xoves

luns, 7 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe un smartphone que busca conseguir grande éxito nos vindeiros meses por atender ás principais demandas dos consumidores actuais mantendo un prezo contido, o Poco X3 NFC, que poderá adquirirse a partir do vindeiro xoves cun prezo promocional de lanzamento de 199 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, mentres que o modelo con 128 GB de almacenamento venderase a 249 euros.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 732G (cun rendemento próximo ao do Poco F1, que viña cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, ou sexa, o procesador insignia de hai 2 anos), conta cunha xenerosa pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 64 Mpíxeles, a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles está albergada nun orificio superior central, o seu lector de impresións dixitais está nun lateral e a súa xenerosa batería de 5.160 mAh (que achegaría autonomía para 2 días de uso) conta con carga rápida de 33 watts. Temos así un dos smartphones 4G máis completos do mercado dentro dun rango de prezo de gama media, de aí que o seu fabricante o promocione como «exactamente o que precisas» e, de feito, destaca fronte a moitos competidores por contar con altofalantes estéreo, de xeito que é un bo smartphone tanto para xogar como para consumir contidos multimedia. Tamén ten protección contra salpicaduras (IP53), conector para auriculares, emisor de infravermellos e, como non, NFC para os cada vez máis habituais pagamentos sen contacto.
Para dar confianza aos consumidores aseguran que o Poco X3 NFC recibirá actualizacións de software consistentes durante un mínimo de 3 anos.

Presentación do Poco X3 NFC

PUBLICIDADE