O Pixel 4a sairá á venda en outubro por 389 euros

luns, 3 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Google poñía á venda os seus móbiles Pixel 3a e 3a XL, que chegaban como unha alternativa económica aos Pixel 3 XL, de xeito que pola metade de prezo e con certas concesións permitía gozar da experiencia dun smartphone con software actualizado directamente por Google e cunha das cámaras máis competentes do mercado, pero este ano a xogada sorprende polo feito de que o Google Pixel 4a chega nun único tamaño.
Este novo smartphone continúa a estar moi limitado en moitos aspectos para non chegar a competir con móbiles de gama media, para que o seu prezo de 389 euros pareza xusto comparado co seu irmán maior (o Pixel 4 chegou ao mercado a 759 euros e o Pixel 4 XL a 899 euros, aínda que actualmente baixaron 100 euros o seu prezo oficial), aínda que cunhas características que sitúan ao Pixel 4a totalmente fóra do mercado, xa que nese rango de prezo hai terminais máis propios da gama alta.
Temos así unha vez máis que o Pixel 4a é un produto claramente dirixido a usuarios que dan moita importancia a unha experiencia de uso de Android pura (sen capas de personalización), con actualizacións frecuentes e rápidas, e cunha cámara que, sen contar con varios sensores, consegue unhas imaxes incribles. Este móbil con pantalla OLED Full HD+ de 5,81 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 730, 6 GB de RAM LPDDR4x, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12,2 Mpíxeles con tecnoloxía Dual Pixel e gravación de vídeo en Full HD, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e lector traseiro de impresións dixitais, ten como principal eiva unah batería de 3.140 mAh con carga de 18 watts, elemento que sitúa a este terminal bastante lonxe dos seus competidores, que nos últimos anos conseguiron autonomías magníficas e cargas moi rápidas.
Pero non só estamos ante un smartphone recomendable para poucos, senón que tamén temos que non estaría dispoñible en España en reserva a partir do 10 de setembro, saíndo á venda a través da tenda en liña de Google o 1 de outubro, o que parece bastante tarde para un smartphone cunhas especificacións tan modestas que cada mes que pase xogará na súa contra.
Adicionalmente tamén poderá mercarse na tenda de Google unha funda de tea para o Pixel 4a, que venderase a 45 euros en 3 cores distintas, e que sorprende por que esta funda que protexe ao smartphone de rabuñaduras pode incluso lavarse a máquina.

JPEG - 181 KB
A funda de tea para o Pixel 4a sorprende por poder lavarse a máquina

PUBLICIDADE