O MARCO de Vigo rastrexa durante tres fins de semana os vieiros presentes e futuros da arte dixital
venres, 7 de novembro do 2014
O MARCO será o escenario, os vindeiros días, de
tres fins de semana dixitais. De feito, o
Museo de Arte Contemporáneo de Vigo vai ser (a partir de hoxe venres
7) un dos piares de ArtFutura, un programa de actividades
artísticas que se celebra de xeito simultáneo en 20 cidades baixo
un epígrafe que nos toca ben de preto e que alude a todas as cousas
que aínda están por vir no terreo da creatividade e arte chantadas
nas novas linguaxes: A promesa dixital. A edición deste ano
avaliará o pasado, o presente e (sobre todo) o futuro da “euforia
dixital” aplicada a todo tipo de formatos, expresións e
expresividades. Haberá documentais, curtas e gravacións artísticas.
Será ata o 23 de novembro, no salón de actos do MARCO.
En cuestión de documentais, estrearase en exclusiva
unha obra titulada do mesmo xeito que o epígrafe das xornadas (A
promesa dixital), coproducida por Bun Media, TVE e
TV3, e centrada na evolución
da cultura cibernética e dixital e
o seu paralelismo co desenvolvemento de ArtFutura a través das súas
25 edicións (o documental rastrexa os cambios e
as pegadas reais deixados neste tempo tralo paso da vaga
tecnolóxica).
O programa 2014
tamén acubilla a
sección exclusiva The Creators Project
sobre artistas visionarios que empregan tecnoloxías para explorar os
límites da creatividade, e os
novos apartados Artworks (novos medios e o seu reflexo no formato vídeo)
e Feeding the Web (sección
adicada a mensaxes audiovisuais producidas directamente para a Rede,
con obras de Steve Jobs, Alan Watts, Tiffany Shlain, Vicent Brady ou
Brandon McCoy).
Haberá igualmente seccións
específicas sobre a creatividade ligada a mundos e ambientes de
animación por computadora en tres dimensións (3D
ArtFutura Show), un apartado chamado
Futura Graphics (que avalía o potencial de
curtas, virais e videoclips no eido da animación dixital)
e a retrospectiva 25 x 3D (visión sobre obras
pouco coñecidas pero que marcan os fitos do devir da expresión en
3D). En total, informa o
MARCO, “seis horas de proxeccións coas últimas
achegas no eido da
creatividade dixital”.
