O Lumia 550 será máis barato do esperado

xoves, 15 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos que nos novos smartphones de alta gama de Microsoft, o Lumia 950 e o Lumia 950 XL, xa tiñan definidos os seus prezos para España, que serían de 599 e 699 euros respectivamente, o que parecen estar a confirmar dende distintas tendas europeas de Amazon, como a francesa, onde atopamos unha sorpresa moi agradable: o modelo máis modesto, o Lumia 550, que nos EE.UU. venderase por 139 dólares, finalmente non se venderá por uns previsibles 149 euros, senón que terá un prezo de 129 euros (cando menos en Amazon.fr).
Temos así que o smartphone con Windows 10 para as masas terá un prezo extraordinariamente competitivo, o que resultará moi atractivo para o mercado corporativo, que é o máis interesado en integrar un dispositivo deste tipo nas súas mecánicas de traballo.
Lembremos que o Lumia 550 será un teléfono 4G máis que capaz para a meirande parte dos usos, combinando pantalla de alta definición de 4,7 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 210, 8 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e batería de 2.100 mAh, que estaría na liña dos gama media da familia Lumia de hai un par de anos, pero cun prezo moi inferior, deixando claro que Microsoft quere continuar na liña marcada inicialmente polo Lumia 520 e actualmente polo Lumia 640 (que achegan unha experiencia de Windows Phone completa a un prezo moi axustado).

PUBLICIDADE