O LG Watch Urbane renóvase para incorporar conectividade móbil

xoves, 12 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Os smartwatches continúan a avanzar, atendendo demandas dos usuarios como a necesidade de poder funcionar con independencia do smartphone, o que levou a LG a lanzar unha segunda edición do seu LG Watch Urbane que é o primeiro smartwatch con Android Wear en contar con conectividade móbil, e que este mes comezará a vender nos EE.UU. e Corea do Sur, para chegar logo a Europa.
Este smartwatch compatible con smartphones con Android e iOS permite que os usuarios poidan responder chamadas e comprobar mensaxes sen o apoio dun smartphone emparellado por Bluetooth ou Wi-Fi, de xeito que será posible, por exemplo, practicar deporte sen ter que cargar co smartphone, sen perder así ningunha información importante.
A segunda edición do LG Watch Urbane é un reloxo de formato clásico, cunha caixa de aceiro inoxidable, pantalla circular P-OLED cunha resolución de 348 puntos por polgada (ou sexa, de 480 x 480 píxeles), batería de 570 mAh (con modos de aforro de enerxía) e tres botóns laterais: un para acceder aos contactos favoritos, outro para alternar os distintos modos de funcionamento a aplicacións, e o terceiro para acceder ás funcionalidades de saúde.
Este reloxo cun diámetro de 45,5 milímetros ten un grosor de 14,2 milímetros, 768 MB de memoria RAM, 4 GB de almacenamento interno, resistencia á auga (IP67) e conectividade Bluetooth 4.1, Wi-Fi e 3G/LTE.

O novo LG Watch Urbane é o primeiro reloxo con Android Wear e LTE

PUBLICIDADE