O LG V20 coidará a reprodución de música con auriculares

xoves, 11 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Parece que LG non quere que o seu smartphone LG V20 destaque só por unha característica, e antes da súa presentación está a debullar o máis salientable do seu prometedor terminal, e tras confirmar que sería o primeiro smartphone en chegar ao mercado con Android 7.0 instalado, anuncian agora que será o primeiro smartphone con Quad DAC de 32 bits de alta fidelidade, ou sexa, cun conversor de audio dixital a analóxico que cando empreguemos co teléfono uns auriculares compatibles achegará unha calidade de son moi superior ao que estamos afeitos, reducindo até un 50% os niveis de ruído ambiental.
O LG V10 xa incluída un DAC de 32 bits de alta fidelidade deseñado por ESS Technology, compañía que volve a contribuír a mellorar a experiencia multimedia do novo smartphone de alta gama de LG, do que aínda non se coñecen as datas de presentación e lanzamento (que previsiblemente serían en setembro, e que probablemente estean pendentes de Google, xa que teñen que agardar a que se anuncie a data de saída de Android Nougat).

PUBLICIDADE