O LG Lucid 3 achega unha experiencia Android moi completa a un prezo axustado

luns, 21 de abril do 2014 Marcus Fernández

Que o LG G2 fose un dos smartphones mellor valorados de 2013 non fai que o seu fabricante abandonase a gama media, e agora temos que para chegar ao grande público está a vender nos EE.UU. un terminal cun prezo bastante asumible, o LG Lucid 3, que pode conseguirse de balde cun compromiso de permanencia de 2 anos con Verizon ou libre por 299,99 dólares (217,34 euros).
O LG Lucid 3 é un smartphone con conectividade LTE (4G) e Android 4.4.2, cunhas prestacións máis que suficiente para un usuario medio, como son unha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles con Corning Gorilla Glass 3, procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, gravación de vídeo Full HD, Bluetooth 4.0 e batería de 2.440 mAh (que daría para 15 días en espera ou ata 12,5 horas de uso).
Aínda que estamos ante un smartphone que non pertence á alta gama, si conta con funcións avanzadas como a posibilidade de desbloquear o dispositivo facendo un dobre toque co dedo sobre a súa pantalla (ou cun patrón de ata 8 toques a definir), a opción de que as alarmas programadas lancen tamén unha aplicación (para, por exemplo, espertar consultando o correo electrónico, a axenda ou a predición meteorolóxica) e incluso a posibilidade de amosar un par de aplicacións á vez en pantalla (de xeito que podemos ver un vídeo mentres tomamos unha anotación).


Vídeo de presentación do LG Lucid 3

PUBLICIDADE