O LG G Flex chegará a España en febreiro
martes, 21 de xaneiro do 2014
LG anunciou hoxe que o seu revolucionario LG G Flex, o
primeiro smartphone do mundo deseñado cunha forma curva que segue a forma da
cara, comezará a
súa distribución europea o mes que vén, chegando a países como Reino Unido,
Alemaña, Francia, Italia, Suecia, Austria e España, de xeito que un produto que
podiamos entender como experimental
chegará ao grande público.
O presidente da división móbil de LG, Jong-seok Park, asegura que “a entrada do
LG G Flex en Europa demostra a nosa confianza no mercado global para un
smartphone curvo” destacando que terminais como este contribúen a potenciar a
imaxe de marca de LG como unha empresa capaz de ofrecer produtos únicos.
O LG G Flex funciona cun
procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,26 GHz cunha gráfica
Adreno 330 a 450 MHz, 2 Gb de RAM e 32 Gb de almacenamento interno; goza da
pantalla OLED plástica máis grande fabricada nunha para un smartphone (6
polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles); ten cámaras de 13 e 2,1
Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi AC, NFC, LTE (4G), Android 4.2.2 e batería de
3.500 mAh; o seu grosor é de entre 7,9 e 8,7 milímetros e pesa 177 gramos.
- O LG G Flex puido verse no CES de Las Vegas hai un par de semanas
O LG G Flex visto no CES de Las Vegas