O Informe Avante constata que o 68% das grandes empresas galegas apostan polas redes en materia de publicidade

mércores, 7 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Este martes presentouse en Santiago o Informe Avante Galicia, unha exhaustiva investigación sobre o modo galego de facer as cousas en materia de mercadotecnia: ferramentas a empregar, cifras finais de investimento, papel desempregado por empresas e institucións, etc. Entre os datos principais subministrados polos responsables do informe en rolda de prensa (na que participaron Jesús Suso, director xeral de Avante, e Daniel González, director de Invesmark), figuran os seguintes: as grandes marcas galegas investirán en 2014 un 2,1% máis en publicidade e mercadotecnia, e ademais o 62,1% dese investimento realízase en medios da propia comunidade autónoma. A empresa de telecomunicacións R sitúase no estudo como unha das que realizan mellor mercadotecnia.
A investigación tamén amosa un importante compoñente de optimismo entre uns (os que se publicitan) e outros (os que desenvolvemento ese labor de publicidade nas diferentes plataformas, tradicionais e dixitais). Deste xeito, predominan as opinións positivas sobre o futuro do sector en 2014, e non só iso senón tamén sobre o tecido económico galego por enteiro.
No que atinxe ao plano TIC e o papel que xogan as plataformas tecnolóxicas a nivel de promoción, o estudo sinala que o 88,2% das empresas do panel contrata espazos en medios convencionais; o 70,6% en servizos de axencia (deseño, produción) e tamén o 67,6% en xestión de contidos (Internet, redes sociais...). As previsións para 2014 é que o peso destes ámbitos de actividade incrementarase mentres se reducen, pola contra, prácticas como a achega de publicidade nas caixas de correos e en acontecementos multitudinarios. Por outra banda, no estudo tamén se di que o 88,2% das empresas participantes invisten en prensa e o 71% en radio, sendo a porcentaxe de compañías que apostan por Internet (Adwords, banners, vídeos en liña) de case o 65%, un ámbito, o tecnolóxico, que supera xa ao da publicidade en exteriores, que anda arredor do 50%.
Lembrar que o Informe Avante Galicia, que busca converterse no barómetro anual de referencia do sector, céntrase na actividade de mercadotecnia das principais empresas e institucións galegas, sendo o seu eido de acción un espectro “de 34 empresas e institucións galegas especialmente representativas”.