O HD-DVD, tocado de morte dende hai tempo, séguese a vender

mércores, 3 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

No eido da tecnoloxía, coma noutros sectores, a morte non é necesariamente o final. Polo menos, non ten porqué ser definitiva a entrega do certificado de defunción. Porque se non, como explicar que se sigan a vender reprodutores e películas con tecnoloxía de alta definición HD DVD logo de que Toshiba anunciase o seu pasamento no mercado?
A razón, segundo sinala The Inquirer, facéndose eco dunha información aparecida en Crave está no seguinte: Toshiba anunciou o cese da competencia co BluRay de Sony (o vencedor) cando xa estaba posta á venda unha manchea de reprodutores e algún que outro filme apoiado sobre a devandita tecnoloxía.
En consecuencia, falamos dun stock de certa envergadura que por algún lado ten que chegar ao consumidor final. A mellor vía? Abaratando os prezos dos produtos e presentándoos moi ben envoltos, facendo amais diso as menores mencións posibles ás escasas posibilidades de futuro que teñen de cara ao usuario.
O caso e que en Buy.com está ó alcance da comunidade internauta unha oferta que consiste nun pack de lecer audiovisual constituído por un HD-DVD Venturer SHD7000 e as películas 300 e The Bourne Indentity e por un prezo duns 60 dólares. Alén de que é probable que en moitos dos nosos fogares non faga falta para nada un aparello destas características, a compra pode chegar a estar xustificada se temos unha arela ben grande de facérmonos cun reprodutor de alta definición, e máis tendo en conta que o trebello fai o reescalado dos DVDs normais ao devandito formato.