O Goberno presenta unha canle audiovisual en liña para impulsar a lectura

venres, 14 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O Goberno central, a través do Ministerio de Educación e o seu proxecto Leer.es, vén de presentar un medio audiovisual, en liña, para que fagamos cos libros algo máis que empregalos para adobiar andeis e sorprender ás visitas coa nosa extensa cultura. Estamos a falar de Canal Leer, unha proposta que se insire na plataforma de televisión NCIwebtv e que, como o seu propio nome indica, diríxese a fomentar a lectura en tódalas súas feituras, desta volta no eido iberoamericano.
A proposta, segundo se conta na Rede, xorde coa colaboración de varias iniciativas e entidades culturais de ámbalas beiras do Atlántico, sendo o seu obxectivo poñer en xogo un novo instrumento para acompañar, sinalan, as propostas públicas e académicas para promover o libro.
A canle foi presentada esta semana por Ángel Gabilondo, ministro de Educación, nun acto que se desenvolveu na Biblioteca Nacional e no que participaron, tamén alumnos do IES Blas de Otero de Madrid, aos que se lles recordou os beneficios da lectura.