O Club Financeiro Atlántico da Coruña, Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG

venres, 21 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Presentación da Mobile Week Coruña en setembro de 2018

O labor divulgativo, formativo e aglutinador do Club Financeiro Atlántico da Coruña vai ser posto de manifesto no marco da Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). Na gran gala anual do colectivo galego de enxeñeiras e enxeñeiros en Informática, o Club vai ser distinguido co Premio Iniciativa Emprendedora. Con este galardón quérese recoñecer o traballo da entidade para converter Coruña e Galicia en punto de encontro empresarial, financeiro e innovador. En termos máis específicos, o galardón quere enxalzar os esforzos do Club no soporte organizativo da Mobile Week Coruña, segundo lembra o CPEIG “o evento internacional máis importante da historia de Galicia que se celebrou na Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018”.
O Club Financeiro Atlántico creouse en 1989, co obxectivo de “ofrecer un innovador espazo que facilitar a empresarios e profesionais un lugar de xuntanza exclusivo e con total privacidade para desenvolver as súas relacións a través do intercambio de ideas e experiencias”. Está presidido na actualidade por Mariano Gómez-Ulla de Irazazabal e é un referente estatal en materia de espazos comúns empresariais e financeiros, e tamén en encontros e xornadas relacionadas coas diferentes vertentes dun proceso que atinxe e implica a todos os sectores produtivos: a transformación tecnolóxica e a Industria 4.0.

Polo que se refire á Mobile Week Coruña, celebrouse en 2018 ao longo de oito días e co punto de mira na evolución dixital das nosas cidades, empresas e colectivos. Á fronte da organización do evento estiveron o Club Financeiro Atlántico e a Mobile World Capital Barcelona. O evento superou con creces as expectativas xeradas previamente á súa inauguración: o programa chegou a rentes das 120 actividades e o elenco de relatores pasou do centenar. A asistencia ás actividades tamén desbordou as previsións. Amais, a inauguración foi trending topic nas redes.

PUBLICIDADE